Publicidade
PolíticaÚltima hora

Mitin do PSdG en Trives coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.

O mitin, que se celebrou este xoves 9 de xullo, tamén contou coa presenza da alcaldesa do concello, os rexedores de Manzaneda e Castro Caldelas e a candidata número tres por Ourense.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este xoves, 9 de xullo, o Concello de A Pobra de Trives nun acto de campaña do partido socialista. O mitin celebrouse ás 20:00h na Praza do Pilón e nel tamén interviron a alcaldesa da localidade, Patricia Domínguez, o rexedor de Manzaneda, Amable Fernández, a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e a candidata número tres da lista dos socialistas pola provincia de Ourense, Carmen Domínguez.

Silva, comezou a súa intervención eloxiando o patrimonio natural e histórico das comarcas trivesa e caldelá, citando especialmente a foresta repleta de carballos, o castelo de Castro Caldelas e as edificacións tradicionais do centro urbano de Trives.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante á súa intervención no mitin.

 

A presidenta criticou duramente a estratexia de campaña do Partido Popular afirmando que “Galicia non é un eslogan, é unha terra increíble con potencial no urbano e no rural” e tachou ao presidente da Xunta de ser “un produto de marketing”. En palabras de Carmen Silva, a sanidade e a educación perderon gran cantidade de recursos durante os 11 anos de goberno do Partido Popular. Tamén acusou ao goberno autonómico de querer privatizar os centros de maiores, recortar no orzamento para becas universitarias e non preocuparse pola zonas rurais: “Apoiar o rural non é que cada catro anos digan que van facer un gran plan rural. Deixen de dicir, poñan recursos e apoien á xente”. Silva, puxo ao seu partido e a si mesma, como presidenta da Deputación pontevedresa, como exemplo de transparencia e boa praxis fronte ás políticas de Feijóo ao que se referiu como un “mal xestor”. “Eu dedico entre 42 e 45 millóns aos concellos de menos de 50.000 habitantes (…) O concello máis pequeno da provincia de Pontevedra, que ten pouco máis de 1.000 veciños recibe 400.000€ ao ano, tan só do Plan Concellos”.

No tocante á crise do coronavirus, a presidenta afirmou que na provincia veciña, os recursos da Deputación repartíronse entre os concellos para que eles xestionaran a compra de material sanitario porque “eu goberno para xente, para que todo o mundo teña dereitos”, afirmou Silva.

 

“O poder non o teñen eles, o temos nós”, afirmaba Silva.

 

Finalmente, a presidenta socialista urxiu a necesidade de dar unha oportunidade “non só a Gonzalo, senón a Galicia”, referíndose ao candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, do que tamén destacou as súa competencia como economista e político. “O 12 de xullo xogámonos infraestruturas, comedores escolares, o parque empresarial, a sanidade, os recursos para a dependencia e o proxecto de futuro”. “O poder non o teñen eles, o temos nós”, afirmou a presidenta referíndose aos próximos comicios.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

 

Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives foi a encargada de abrir o acto e centrou os seu discurso nas carencias e necesidades da súa comarca. Domínguez destacou a pasividade da Deputación de Ourense fronte ás demandas municipais, especialmente no tocante á sanidade: “Levamos máis dun mes sen segundo médico no Centro de Saúde”, afirmaba a alcaldesa. Tamén denunciou falta de cooperación do goberno provincial durante a pandemia do coronavirus afirmando que o Concello non recibiu ningunha chamada por parte do presidente, Manuel Baltar e que tampouco remitiron mascarillas sanitarias. “A Deputación non mira para nós. A Xunta, tampouco”. A rexedora trivesa finalizou a intervención pedindo, para este domingo “encher as urnas de puños e rosas” e destacando tamén a colaboración do candidato socialista, Gonzalo Caballero.

 

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

 

Amable Fernández, alcalde de Manzaneda e segundo en intervir no mitin, convidou aos asistentes a facer posible “un cambio, aínda que só sexa por catro anos”. O rexedor, tildou de inxusto o reparto de orzamento para os concellos: “Podes pedir o que queiras pero as gaivotas marchan para o outro lado da provincia”. No tocante á súa localidade, Fernández criticou que a Xunta de Galicia negara a concesión dun comedor escolar para o colexio de Manzaneda. “Vamos ter 34 alumnos este ano e a excusa que dan é que lles falemos cando cheguemos a 50”, afirmaba o alcalde.

 

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

 

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega considerou as eleccións do próximo domingo como “importantísimas para cambiar as políticas caciquiles e facelas doutro xeito”. “Eu, estou farta de mendigar ás institucións”, continuaba Vega. Referíndose á crise do coronavirus, a rexedora recordou os 26 casos da residencia de maiores pública do seu concello e indicou que aínda esperaba unha chamada de Baltar. “Non pido que Gonzalo nos trate mellor, senón de que nos trate como nos merecemos” comentaba Vega en referencia ao candidato socialista.

 

A candidata número tres pola provincia de Ourense, Carmen Domínguez.

 

Carmen Rodríguez, número tres por Ourense na candidatura do PSdG, quixo agradecer o traballo tanto dos alcaldes como o de Carmela Silva na Deputación de Pontevedra. Destacou a necesidade de mellorar as infraestruturas na zona oriental da provincia e de investir en sanidade pública. No tocante á crise da COVID-19, a candidata destacou tamén o traballo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez e criticou que “Feijóo, simplemente botáballe a culpa ao goberno pero que grazas ao confinamento hoxe podemos estar con menos casos”.

 

Os cinco participantes do mitin, de esquerda a dereita: Amable Fernández, Carmela Silva, Patricia Domínguez, Carmen Domínguez e Sara Inés Vega.

 

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close