ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Mobilización da CIG no Barco en defensa do “sistema público de pensións”

Líase un manifesto no mediodía do 15 de abril diante do Hospital Comarcal Valdeorras con sete reivindicacións concretas, entre elas, “a revalorización anual das pensións, como mínimo coa evolución do IPC”

Numerosas persoas de diferentes puntos do oriente ourensán concentrábanse no mediodía do 15 de abril diante do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco, en “defensa dun sistema público de pensións que permita unha vida digna ás persoas xubiladas de hoxe e ás que veñan detrás, aos nosos fillos e netos”. O acto estaba convocado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) baixo o lema “Mobilicémonos en defensa das pensións. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”.

Logo dunha intervención inicial, a cargo de Suso Vilasánchez, na que resaltaba que a situación das pensións galegas é peor que as do resto do Estado, incidía na importancia de defender o sistema público de pensións “que está sendo saqueado. Se no 2017 este país tivo o PIB máis alto da súa historia, ¿pódenos explicar alguén como estamos en crise?”.

De seguido, unha muller xubilada, Sofía Carril, daba lectura a un manifesto no que se lembraba que “o sistema público de pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita e, é a través da loita, como temos que evitar que nolo rouben. Por iso estamos hoxe aquí”. Tamén se aseguraba que é “unha Administración a que debe garantir unhas pensións públicas e dignas e pode facelo, non é un problema económico, só é precisa a vontade política”.

Ademais expresábanse ata sete reivindicacións moi concretas: “a derrogación da reforma laboral e das contrarreformas das pensións (nomeadamente as de 2011 e 2013), a revalorización anual das pensións como mínimo coa evolución do IPC, pensión mínima do mesmo importe que o Salario Mínimo Interprofesional, eliminación das desgravacións fiscais nos plans privados de pensións, xubilación ordinaria aos 65 anos e voluntaria ao cumprir 35 anos de cotización, establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade, e fin das bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións, supresión do límite máximo de cotización para os salarios máis altos”.

Ademais Vilasánchez facía referencia aos emigrantes retornados, “que tamén son pensionistas, e que están volvendo a ser multados pola Administración, polo que volveremos a activar a plataforma e a mobilizarnos”.

Os manifestantes remataban o acto coreando diversos lemas como “Non faltan cartos, sobran ladróns” ou “Mobilización en defensa das pensións”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button