ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Moda, beleza e solidariedade no desfile de Viana do Bolo

O público respaldou a segunda edición da pasarela organizada por Jorge Álvarez e Patricia Ares

Máis tendas, máis deseñadores, máis sorpresas e máis espectadores. O desfile solidario organizado polo estilista e modelo Jorge Álvarez e a empresaria téxtil Patricia Ares vai a máis e a segunda edición convertíase en todo un éxito. Así o demostraba o público que na tarde-noite do 17 de decembro enchía a Casa da Cultura de Viana do Bolo, e tamén o espectáculo desenvolvido sobre o escenario con moda, música, baile e moito beleza.

Da man dos anfitrións, Jorge e Patricia, a gala comezaba co pase dos modelos da tenda De Patri (Viana do Bolo) e continuaba cos modelos arriscados do xove creador vigués Manuel Pampillón que presentou dúas coleccións co negro como cor central e mestura de tecidos. Deseños transgresores, atrevidos e sexis. O deseñador Diego Cabaleiro, que non pudo asistir por motivos profesionais, amosou unha colección máis conservadora pero que consegue romper co clásico.

O apartado de moda completábase con modelos de festa das tendas Pizpireta do Barco de Valdeorras e de Fíos da Rúa, pero a pasarela ía moito máis aló incluíndo a actuación da cantante Sabela do Barco e das alumnas de zumba que puxeron ao público en pé.

O colofón a unha noite chea de sorpresas poñíao a sesión de perruquería de Jorge Estilistas, onde o propio Jorge peiteou a unha das modelos logrando crear en directo un espectacular recollido coa mestura de varias texturas, que adicou á súa familia “porque sempre está aí”, dixo.

Como na primeira edición, houbo sorteo de produtos de beleza e a entrega dun quilo de arroz ao párroco de Viana, en representación da gran recolecta realizada na noite (a entrada era alimentos non perecedoiros ou xoguetes) que entregaban a Caritas Interparroquial para o seu reparto entre os necesitados, a forma que os dous empresarios (e tamén da xente que acudiu ao desfile) teñen de contribuír a que todo o mundo poda pasar un mellor Nadal. “Isto non soluciona o problema porque hai moita xente que pasa necesidades pero axuda”, dixeron antes do sonoro aplauso a todos os participantes (modelos, empresarios, deseñadores, cantantes,…).

Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button