CulturaCulturaÚltima hora

“Moendo muiñeiras” de Xabier Iglesias chega este domingo á Rúa

A obra, dirixida por Paloma Lugilde, poderá verse no Centro Cultural Avenida ás 19 horas
Imaxe da obra "Moendo Muiñeiras".
Imaxe da obra “Moendo muiñeiras”.

Un espectáculo que xira ao redor da muiñeira, no que se misturan a partes iguais teatro, baile e música. Iso é “Moendo muiñeiras”, a obra de Xabier Iglesias coa dirección de Paloma Lugilde, que chega este domingo 27 de novembro ao Centro Cultural Avenida da Rúa da man de Merlo Branco Producións.

Ao longo dunha hora, os protagonistas da historia farán un percorrido polas catro formas de muiñeiras conservadas a día de hoxe: muiñeira nova, muiñeira vella, carballesa e regueifa, levados por unha apaixoante trama ao ritmo da zanfona e o violín.

¿Que pasaría se recibises unha carta anunciándoche que herdas un antigo muíño? Esa é a pregunta que se fan unha parella de mozos urbanitas que vei cambiada a súa vida ao voltar as súas orixes. Uxía, moza de Brais, herda un muíño de Xosé, alcumado O muiñeiro. Neste muíño, pasarán cousas aparentemente inexplicables, que pouco a pouco iranse comprendendo ata descubrir a historia dos seus verdadeiros avós, Sofia e Xocas. É a sinopse desta historia de amor, de vida, de baile e de música acontecida en 1936 entre fariña e muiñeiras.

Organizado polo Concello da Rúa en colaboración co AGADIC (Rede Galega de Teatros e Auditorios) o espectáculo comezará ás 19 horas. Prezo da entrada 4 euros (reducida 3 euros).

Artigos relacionados

Back to top button