CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Momi Ogalla trae os contos do sur e de alén do mar ao Barco

Este “contaor” presentaba o seu espectáculo “De idas y vueltas” na tarde do 10 de xullo en Viloira dentro do ciclo De Perto

“¿Por que decidín ser contacontos?” Era a pregunta que lanzaba o gaditano Momi Ogallá nada máis subirse ao escenario do “De Perto” nunha calurosa tarde de 10 de xullo no Xardín da Casa Grande en Viloira (O Barco). E a resposta, como non, viña en forma de conto.

A súa avoa tiña unha casa “moi pequena” pero cun patio “moi grande”. E a Momi Ogalla encantáballe xogar nel ao balón cando era neno. Unha tarde, mentres lle daba patadas á pelota sucedía algo fantástico: un singular encontro cun paxariño. Cando a súa avoa chegou á casa relatoullo pero non logrou que ela enténdese nada. E co fin de dar coas “palabras, sons e xestos para poder contar o que a min me emociona decidín ser contacontos”, dicía.

 

 

Con esta historia este traballador social e narrador oral introducía o seu espectáculo “De idas y vueltas”, no que compartía co público historias nacidas alén do mar. Relatos que descubría nas súas viaxes a Sudamérica, e que traía de regreso a Cádiz como a do ritmo criollo que unía a un negro e a un español e que escoitaba en Lima, ou a dunhas mulleres que traballaban a terra e cuxo amo era a fame. Contábanlla mentres viaxaba no 2005 a Honduras.

Pero tamén había unha historia xestada terras andaluzas, en concreto en Sevilla, a do Gato Saavedra. “Os contos son unha viaxe para ir e para voltar e hoxe para quedarse no Barco”, dicía este “contaor” e, en certos momentos do espectáculo cantaor, en Viloira.

Con el, a palabra narrada deixa agora paso á música na seguinte proposta do ciclo “De Perto”, que virá da man da Banda da Loba. Será xa o vindeiro 12 de xullo ás 22:30h., á beira do Sil, no Malecón.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button