En portada

Mondelo fai historia e leva a España á final do mundial de Turquía

A selección española de baloncesto feminino asegura a prata, tras un emocionante partido, e agarda aos Estados Unidos
Lucas Mondelo, dirixíndose ás xogadoras, nun tempo morto.
Lucas Mondelo, dirixíndose ás xogadoras, nun tempo morto.

España, co seu seleccionador ao fronte, Lucas Mondelo (de orixe valdeorresa), saía a xogar ás seis da tarde do 4 de outubro contra Turquía. E facíao tentando despregar o xogo que ten caracterizado ao longo de todo o mundial, pero atopábase cun partido moi diferente. Non eran de moito axuda os 10.000 turcos que arroupaban á súa selección no Fenerbaçe Arena, a presión de xogarse o paso á final e a actitude arbitral. Aínda así a selección española aguantaba a treboada de xogar contra o equipo da casa, resistía con sensatez e despregaba, en especial no último cuarto, a súa calidade.

Sancho Lytle buscando anotar.
Sancho Lytle buscando anotar.

As turcas comezaban inaugurando o marcador do partido e remataban o primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe(19/20), mentres que no segundo, era España a que se mantiña por diante (28/27). Sen embargo, no terceiro cuarto as cousas empezaban a poñerse máis tensas para o conxunto español. Os tiros non entraban, perdíanse balóns e as turcas seguían avanzando, estando incluso ata cinco tantos por riba das españolas. Pero un pequeno detalle: a mala reacción ante unha falta e os nervios turcos cambiaban radicalmente o devir do partido e isto plasmábase, de forma especial, a partires do último cuarto. España subía no marcador, a selección volvía a sorrir. Así chegaba a lograr unha vantaxe de ata catorce puntos, a falta de sete minutos do final.

O corpo técnico español e as xogadoras no banquiño, celebrando o final do partido contra Turquía.
O corpo técnico español e as xogadoras no banquiño, celebrando o final do partido contra Turquía.

Dende ese intre, o obxectivo era non arriscar e esgotar o tempo mantendo a vantaxe e serenidade. E así aguantaban cun colchón de dez tantos ao longo de case seis minutos ata o remate dun encontro, no que as xogadoras encadeaban posesións mentres saboreaban a vitoria. Acababan de facer historia. Pitábase o final do encontro cun resultado de 66/56 e as xogadoras facían piña na pista, mentres o corpo técnico se fundía nunha aperta. Por primeira vez España chega a unha final e por primeira vez sairá a loitar pola medalla de ouro, a de prata xa a teñen.

Os pais de Lucas Mondelo, do Barco, con outros familiares, animando a España no partido contra Turquía./ Foto cedida por Paula García.
Os pais de Lucas Mondelo, do Barco, con outros familiares, animando a España no partido contra Turquía./ Foto cedida por Paula García.

E detrás desa traxectoria está o selo dun técnico de orixe valdeorresa, apoiado dende as bancadas polos seus pais, chegados dende O Barco, e por varios familiares valdeorreses. A seguinte cita, á gran final contra os Estados Unidos. Será o 5 de outubro ás 20:15h. e emitirase por TVE.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: FIBA/FEB

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button