En portadaÚltima hora

Mondelo leva á selección española ás semifinais da Copa do Mundo de básket feminino

España loitará pola final con Australia tras vencer a Canadá por 53 a 68 nun espectacular último cuarto de partido na noite do 28 de setembro

 

O seleccionador de orixe valdeorresa Lucas Mondelo, nun dos momentos do partido contra Canadá.

 

Nun vibrante e eufórico pavillón Santiago Martín de Tenerife a selección española de baloncesto feminino absoluta, que dirixe o valdeorrés Lucas Mondelo, facíase na noite do 28 de setembro co pase ás semifinais da Copa do Mundo no derradeiro cuarto do partido que xogaba contra Canadá.

Era un encontro duro que comezaba con moitos nervios por parte das dúas seleccións. España medíase a unha Cánada que non fora vencida no que ía de campionato e que se levaba o primeiro cuarto por 13 a 16. No segundo, a selección de Mondelo igualaba o nivel defensivo das canadenses e comezaba a ganarlle tamén o rebote, pero seguía custando anotar. España chegaba a igualar o marcador a 27 e finalmente conseguía poñerse por diante no marcador, rematando os dez minutos cun resultado de 27/29.

 

Mondelo dirixíndose ás xogadoras españolas nun tempo morto.

No terceiro cuarto as xogadoras españolas seguían despregando unha boa defensa, pero era Canadá quen se impoñía no marcador, aínda que só tres puntos por diante: 50/47. O partido romperíase totalmente a favor da selección de Mondelo nun derradeiro cuarto espectacular no que as canadenses non foron quen de reaccionar.

 

O seleccionador celebrando a vitoria.

O equipo español comezaba a anotar e a súa magnífica defensa limitaba totalmente a marxe de maniobra de Canadá, que tan só puido anotar nun tiro libre e case ao remate do tempo unha canastra de dous, mentres as españolas chegaban a poñerse ata 14 puntos por diante nun xogo moi traballado e dando espectáculo. O tempo esgotábase mentres o banquiño español xa celebraba o seu pase ás semifinais. As de Mondelo vencían por 68 a 53 a Canadá e xogarán o seu billete á final contra Australia.

 

As xogadoras españolas saltando de alegría ao remate do encontro con Canadá.

Máis fotos:
https://osil.info/a-familia-valdeorresa-de-lucas-mondelo-animando-a-seleccion-espanola-de-baloncesto-feminino-no-partido-contra-canada/

Artigos relacionados

Back to top button