En portada

Montañas da Galicia interior, unha paisaxe viva

Dende o seu valor sagrado ata as oportunidades do seu desenvolvemento sostible

Enmarcan a paisaxe ourensá coas súas ondeantes formas dende hai millóns de anos. A súa presenza tiña un valor sagrado para os pobos prerromanos e romanos e non era para menos xa que a vida na provincia está moi condicionada polas montañas. Impresiona a visión do macizo de Trevinca, entre as provincias de Ourense Zamora e León, que debuxa os cumes máis elevados da comunidade autónoma galega: Pena Trevinca (2.124 metros), Pena Negra (2.119 metros) ou Pena Survia (2.095 metros). Posúe unha altitude media duns 1.373 metros e constitúe un dos mellores ecosistemas subalpinos de Galicia. Ademais nel poden encontrarse lagoas como a da Serpe ou a do Ocelo. Moi preto, está o macizo de Manzaneda, unha das máis amplas estensións montañosas, formada pola chamada triloxía Manzaneda-Queixa-Invernadeiro, con alturas que superan os 1.700 metros.

 

Serra de Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.
Serra de Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.

Para unha provincia como Ourense a convivencia coas montañas é, polo tanto, clave. Son determinantes do clima, fonte de recursos hídricos, minerais, forestais, agrícolas, gandeiros… Pero tamén atesouran un valioso patrimonio natural e xeolóxico, cultural, arqueolóxico ou etnográfico, que é en boa medida descoñecido.
Polo tanto, non son unhas simples expresións xeográficas ou paisaxísticas senón que integran en sí mesmas todo un universo natural de fauna e flora, así como un medio en torno ao que o home trazou as súas propias expresións, forxando, ao longo dos séculos, unha cultura e unhas tradicións que aínda se conservan en estado puro con manifestacións como a arquitectura, xeitos de vida como o pastoreo ou formas de humanización da súa verticalidade como os bancais de viñedos.

 
As montañas constitúen, deste xeito, unha fonte de vida e de riqueza. E así se amosa nas seguintes páxinas deste monográfico que pretenden debullar as súas diversas facianas, a súa convivencia co home ao longo do tempo e o seu enorme potencial de futuro, sempre e cando, se teñan en conta os seus retos e oportunidades dende unha mirada e un desenvolvemento sostible, que permita manter e conservar os valores destes ecosistemas e ao mesmo tempo facelos rendibles para os seus habitantes.

 

 

Pastor na serra de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.
Pastor na serra de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

De aí que os ourensáns do século XXI sigan mirando cara o valor da verticalidade, mantendo vivas actividades antergas como a agricultura ou a minería, pero tamén apostando por outras novas como a deportiva, nun senso amplo, e tamén a turística. O seu axeitado desenvolvemento fará posible que as montañas da Galicia interior, entre elas as ourensáns, continúen sendo unhas montañas vivas. Para logralo é necesario tomar conciencia sobre a importancia das montañas, o papel que desempeñan no desenvolvemento das poboacións locais, pero tamén nas do resto da provincia e mesmo de Galicia.

Texto: Ángeles Rodríguez

Máis información no Especial Nadal 2014 do Periódico O Sil

 

Posta de sol en Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.
Posta de sol en Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button