PolíticaÚltima hora

Montederramo a Máis presenta en pleno propostas para mellorar a situación do sector agrogandeiro

Logotipo de Montederramo a Máis.

 

Durante a última sesión plenaria da Corporación de Montederramo, celebrada o 9 de marzo, o grupo municipal da formación independente Montederramo a Máis (MAM), presentaba unha serie de propostas co fin de mellorar a situación do sector agrogandeiro, de gran importancia neste municipio ourensán.

“Ao longo das últimas décadas e tralos sucesivos gobernos, o sector agrogandeiro vén sufrindo un claro agravio, o cal consiste, en que o prezo da carne en canal aboado ao gandeiro non se ve reflexado co nivel de vida da sociedade, en contraposición ao que ocorre co intermediario. Esta problemática implica unha perda de beneficios clara para a parte produtora, que observa como cada vez é máis complicada a supervivencia das respectivas explotacións. A isto hai que engadirlle subida nos prezos de produtos alimentarios, axudas da PAC cada vez máis limitadas e lexislación moi restrictiva no que a política medioambiental se refire”, segundo sinalaba Óscar Diéguez, voceiro desta formación política independente que conta conta con tres edís e está na oposición.

Tamén matizaba que “Montederramo, neste senso, é un concello singular, posto que é un dos que maior ratio vaca/habitante presenta de todo Galicia. Por iso dende o grupo municipal de MAM pensamos que o equipo de goberno non debe permanecer de brazos cruzados ante tal situación” e plantexábanlle tres medidas concretas na súa proposta.

A primeira delas é a de “desenrolar a nivel municipal unha auténtica política medioambiental coa creación e xestión dun listado de fincas abandonadas, susceptibles de ser explotadas para actividades agrogandeiras, e facilitación na pertinente tramitación dende o concello en pos do gandeiro que así o solicite”.

En segundo lugar dende MAM suxiren a “posta en práctica do Plan de Pastoreo de Galicia publicado no DOG Nº27 do 10 febreiro e que facilita a creación de pastizais, ao tempo que prevé contra posibles incendios forestais en zonas de risco como e o concello de Montederramo”, e, finalmente, a “fixación dunha postura única cos sindicatos e demais concellos do Macizo Central para dar eco á administración da problemática que está a vivir o sector especialmente no que ao prezo da carne se refire”.

Dende MAM tamén se indica que “nestes puntos encontrouse unha resposta positiva compromenténdose a estudar a súa posta en práctica” o grupo de goberno.

Artigos relacionados

Back to top button
Close