En portadaÚltima hora

Montefurado (Quiroga) recupera a súa festa romana

Celebrarase os días 24 e 25 de agosto cun programa que incluirá obradoiros, unha visita guiada e unha cea, entre outras propostas

Imaxe dunha edición anterior da Festa Romana de Montefurado./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dous mil anos despois, os romanos voltarán as súas antigas minas á beira do Sil. Será no marco da Festa Romana de Montefurado (Quiroga) prevista para a fin de semana do 24 e 25 de agosto e que chega a súa quinta edición, despois dunha paréntese de tres anos.

Ao longo destes días os veciños de Montefurado recrearán o ambiente do Imperio engalanando as rúas para a ocasión e tamén vestíndose coa indumentaria propia desa época. Deste xeito lembrarán ás orixes desta localidade, que está asentada nunha antiga mina romana de ouro moi preto do túnel aberto por Roma para extraer o ouro do río Sil.

O programa iniciarase a partires das 11:30h. cunha ruta guiada pola localidade para descubrir o seu pasado romano, ligado á explotación a aurífera e tamén á chamada “Boca do Monte”, o túnel. Durante a tarde, ás 18:30h. terá lugar un campionato de bolos (a inscrición terá un custe de 2 euros) na praza da igrexa. O primeiro premio será un trofeo. Tamén durante a tarde realizaranse obradoiros e demostracións de acuñado de moedas e de escritura romana.

 

Unha das casas de Montefurado (Quiroga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A partires das 21:30h. está previsto unha cea popular, tamén na praza, cuxa entrada terá un custo de 17 euros. Quedan poucas prazas pero as persoas interesadas teñen ata hoxe 21 de agosto para poder anotarse no teléfono 657 94 14 83. Logo haberá música e baile.

A celebración continuará na mañá do domingo 25 de agosto cunha exhibición de armamento romano e outro tipo de elementos relacionados co exército. Ademais explicarase como funcionaba e como era a súa función de control das minas romanas.

Esta festa romana será organizada polo pobo de Montefurado e por Pax Romana en colaboración coa Asociación Boca do Monte.

 

Banquete romano nunha edición anterior./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button