DeportesÚltima hora

Monterrei celebra este domingo 16 a 3ª Andaina do Viño

Os organizadores agardan sobrepasar o cento de participantes
Dende a esquerda, Meno, Suárez, Anta, Garrido e González, no Pazo Provincial. // Foto: S.F.
Dende a esquerda, Meno, Suárez, Anta, Garrido e González, no Pazo Provincial. // Foto: S.F.

O Pazo Provincial da Deputación de Ourense acollía na mañá do xoves 13 de outubro a presentación da terceira edición da Andaina do Viño de Monterrei, unha iniciativa que busca fomentar o deporte mentras se pon en valor o patrimonio da vila. O evento terá lugar o vindeiro domingo, 16, e terá como especial novidade unha xincana infantil para que os maiores poidan compatibilizar a actividade coa familia. No acto estiveron presentes o deputado Juan Anta, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, o responsable de Deportes da devandita vila, Marcos Meno, Begoña Garrido, da cooperativa Xeitura, e Bernardino González, asesor de Deportes da Deputación.

A andaina contará nesta edición cun percorrido máis curto, tal e como recoñeceron os organizadores, coa idea de integrar a un público máis amplo. Será así un trazado de 18 km que contará con dous avituallamentos e discorrerá polo val de Monterrei e mesmo cruzará o mítico castelo da vila. A saída será ás 10 horas dende a Alameda de Albarellos e durará unhas cinco horas. Ao remate, haberá un xantar degustación con viño da zona. Para participar, os interesados poden inscribirse por cinco euros en calquera dos tres puntos que hai habilitados para iso: o Concello de Monterrei, Multisport Verín, en Verín, e Deportes Redonet, en Ourense.

O alcalde da localidade explicou que a actividade busca fomentar a práctica deportiva, “o que reflicte o noso compromiso coa vida saudable”, pretende combinar o deporte co patrimonio paisaxístico do municipio e dinamizar o Concello mentras se pon en valor o rural. Pola súa banda, a organización espera sobrepasar o cento de participantes, aínda que o liga tamén á previsión meteorolóxica.

“Que o deporte sirva de ferramenta para coñecer o rural e o patrimonio cultural e por en valor o produto estrela, que é o viño, xa antes de comezar di que vai ser un éxito”, avanzaba pola súa parte o deputado, Juan Anta.

Artigos relacionados

Back to top button