En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Monterrei e Valdeorras, as denominacións galegas máis afectadas pola xeada, segundo Medio Rural

Os datos dábaos a conselleira Ángeles Vázquez tras a reunión que mantiña con viticultores e adegueiros de Monterrei en Vilaza

Os primeiros informes recibidos pola Consellería do Medio Rural indican que a Denominación de Orixe Monterrei ten sido a máis danada polas xeadas de finais de abril. Afectaban ao “90% do seu territorio cunha afección do 90% sobre as vides, aínda que está pendente cuantificar a importancia deses danos, pois uns son de carácter grave (afecta ao acio, gromo e á base da pranta) e outros de menos relevancia”. Así o explicaba a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na viaxe que realizaba na tarde do 3 de maio aos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra para coñecer de primeira man os negativos efectos nas vides.

Nesta visita, na que estivo acompañada polo presidente do CRDO Monterrei, José Antonio Da Silva, e por diferentes cargos políticos; reuníase cos viticultores e adegueiros da denominación, escoitando as súas demandas e propostas para afrontar a medio prazo as graves consecuencias económicas das xeadas para este sector e para o conxunto da economía da zona de Monterrei en xeral.

A segunda denominación de orixe máis danada de Galicia é a de Valdeorras. A conselleira sinalaba que a súa afectación foi do “60-70% do seu territorio”, pero aclaraba “que hai zonas que teñen afectadas o 20% da produción e outras o 90%”; mentres que nas DO Ribeiro e Ribeira Sacra as zonas afectadas representan un 30 e 20% respectivamente.

Ángeles Vázquez tamén apuntaba que o seu departamento está a buscar “solucións”, se ben matizaba que “non é posible artellar unha axuda directa por quilo de uva afectada”. Porén, manifestou a súa intención de ofrecer outras solucións como bonificacións fiscais, créditos brandos ou axudas para facer a repoda e que non supoña un custo engadido a estes profesionais.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button