Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Monterrei exalta os seus viños

Dende o 9 de agosto e ata este domingo día 11 a Praza da Alameda de Verín está sendo escenario da XIV Feira do Viño desta denominación de orixe coa presenza de 16 adegas

Con palabras de agradecemento aos adegueiros poñíase en marcha a XIV Feira do Viño de Monterrei na tarde do 9 de agosto na Praza da Alameda de Verín. A presidenta desta Denominación de Orixe, Lara Da Silva, dedicáballes un forte aplauso, despois de ter unha lembranza especial para a adega Valderello, que tiña prevista a súa asistencia á feira pero “por motivos da vida, non puido ser”.

Deseguido, Da Silva facía unha positiva valoración do momento actual que vive o sector produtivo desta zona ourensá. “Por fin podemos sorrir e mirar cara o futuro con máximos históricos de produción de 5,6 millóns de quilos, superando nun millón de quilos á campaña do 2015”. Ademais neste acto inaugural da mostra referíase ao futuro do viño na comarca de Monterrei, destacando a súa rendabilidade. “Cada ano a nosa D.O. sube, seguimos exportando polo noso produto diferenciado e pola nosa calidade no produto e na nosa xente”, subliñaba.

 

A presidenta da D.O. Monterrei durante o acto inaugural da feira.

 

A presidenta da D.O. Monterrei iniciaba un turno de intervencións no que logo seguía o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen lembraba que este municipio é coñecido “por ser terra de viño e de auga, e é necesario coidar deles”. Logo falaban o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o conselleiro do Medio Rural, José González. Finalmente, tomaba a palabra o pregoeiro desta edición, o actor Rubén Riós, quen compartía cos asistentes a experiencia da primeira vez que tomaba un viño.

Tras o pregón dábase paso ao tradicional percorrido das autoridades polo recinto feiral no que durante esta fin de semana poderán catarse os viños de 16 adegas: Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer ( Boo Rivero), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán (Pazo Blanco Núñez), Pazo de Valdeconde, Pazo dás Tapias, Quinta do Buble, Quinta Soutullo (Fausto Rivero), Terras do Cigarrón, Trasdovento e Triay.

 

Novos novos membros da Confraría do Viño de Monterrei e autoridades. / Foto Concello de Verín.

O programa continuaba coa imposición de medallas a catro novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei na Igrexa Parroquial de Verín: Paula Vázquez Rocha (técnica de viticultura da Oficina Agraria Comarcal), Luis Cid Congil (periodista e impulsor do Museo Claustro Mercedario de Verín, que conta cunha área dedicada á D.O. Monterrei), monseñor José Leonardo Lemos Montanet (bispo de Ourense) e Manuel Baltar Blanco (presidente da Deputación de Ourense). O concerto do Consorcio na Praza Maior poñía o broche a esta primeira xornada da feira.

A mostra prosegue na fin de semana, tanto o sábado 10 como o domingo 11, coa posibilidade de catar os viños de Monterrei e a súa gastronomía, así como con novas actividades, facendo especial fincapé na música.  Así neste domingo 11 de agosto ás 21:30 horas, a Praza da Alameda acollerá a actuación do grupo de folk tradicional Leilía, que presenta o seu novo disco “CantarElas”, aunando temas emblemáticos con temas pouco coñecidos co toque actual da agrupación.

A XIV Feria do Viño de Monterrei está sendo organizada polo C. R.D.O. Monterrei e polo Concello de Verín, coa colaboración da Xunta, Deputación de Ourense, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), e concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button