En portada

Monumentais necrópoles talladas na rocha

As espectaculares tumbas antropomorfas de San Vítor de Barxacova e de San Pedro de Rocas son só dúas mostras da rica arqueoloxía funeraria da alta Idade Media que posúe a provincia
Algunhas das tumbas antropomorfas do Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos)./ Foto: Carlos G. Hervella.
Algunhas das tumbas antropomorfas do Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Son moitos os sepulcros rupestres, normalmente talladas en granito, que existen na provincia de Ourense e noutros lugares de Galicia e da península. Algúns aparecen illados, outras formando monumentais necrópoles como as de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil) ou San Pedro de Rocas (Esgos). Son aínda moitas as incógnitas que as rodean. Non se coñecen moi ben as razóns deste tipo de enterramentos, datados entre os séculos VIII e XII, aproximadamente.

Necrópole de San Vítor de Barxacova, cuxa esvacación impulsaba no 2010 o Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.
Necrópole de San Vítor de Barxacova, cuxa esvacación impulsaba no 2010 o Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

O que si se sabe é que foron evoluíndo co tempo. Nun principio tiñan forma de bañeira, logo na parte da cabeza foron adquirindo forma redonda (se ben existen variantes cadradas, por exemplo) e trapeizoidal no resto e, nunha última etapa, inclúense laxas. Hai ocasións nas que este proceso de cambio pode apreciarse nunha mesma zona.

Os sepulcros rupestres constitúen un dos tipos de inhumación máis singulares e característicos da etapa altomedieval e puideron convivir no tempo e no espazo con ritos funerarios de tradición tardo-romana, en opinión dos expertos, que seguen debatindo en torno á súa orixe e cronoloxía. Acostuman aparecer en antigas igrexas ou en lugares onde séculos atrás existía un templo. Un problema engadido á hora de investigalos é a dificultade para atopar restos óseos ou outro tipo de material que puidera aportar información sobre eles.

Texto: Ángeles Rodríguez

A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel da edición de abril do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button