Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Morea O Barco sae á rúa para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental

Un grupo de usuarios deron a coñecer a asociación cunha mesa informativa instalada na praza do Concello

Un ramallete de margaridas e unha galleta. Son os artigos cos que os usuarios da AFEM Morea O Barco agasallaban aos viandantes que na mañá do 10 de outubro se achegaban ata a praza do Concello no Barco de Valdeorras. Alí tiñan instalada unha mesa informativa para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental.

Ademais de repartir folletos explicativos sobre o labor que desenvolven dende a asociación e dos agasallos, quen o desexaba tamén se podía fotografar no photocall instalado na praza ou facer anotacións nun panel sobre a “saúde mental no traballo”, o lema da campaña deste ano.

Con sede na rúa Castelao, a Asociación de Familiares e Persoas con Enferemidade Mental Morea O Barco, leva catorce anos de traxectoria e día a día “familiares, persoas con enfermidade mental, profesionais e amizades, traballamos na procura dunha sociedade en igualdade de oportunidades”, din dende o colectivo. Un obxectivo que “grazas ao apoio de todos e todas, pouco a pouco, estamos acadando”.

Entre as tarefas que levan a cabo na asociación están: asesoramento, rehabilitación psicosocial, actividades deportivas, teatro, enmarcación ou campañas de sensibilización. Ademais, tal como explica a directora da delegación de Morea no Barco, Nuria Fernández, outro dos obxectivos que teñen en mente e polo que loitarán é “conseguir un piso tutelado”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button