OurenseÚltima hora

A mostra “Carlos Velo. A Vota a Cartelle” xa ten catálogo con 42 fotografías

O libro da mostra exposta no “Marcos Valcárcel”, en Ourense, conmemora os 50 anos da viaxe que o cineasta realizou á súa terra
Jaime Sousa, Antonio Piñeiro, Rosendo Fernández, Carmen Leite, Dani Fernández e Francisco González.

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, en Ourense, acolleu hoxe, 20 de novembro, a presentación do catálogo da exposición “Carlos Velo. A volta a Cartelle”, un libro que conmemora os 50 anos da viaxe que o cineasta realizou á súa terra. A mostra recolle 42 fotografías que Velo realizou na súa visita á súa aldea natal no ano 1967, retratando nela aos veciños, a paisaxes e a elementos arquitectónicos da localidade.

No acto participou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Cartelle, Jaime Sousa e Dani Fernández, respectivamente; a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leite; e o padroeiro, Antonio Piñeiro.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, dixo que este libro chega, tras a pertura desta exposición no pasado mes de outubro, “coas fotografías de Carlos Velo na súa viaxe de volta ás súas raíces fixo unha captura sentimental da súa aldea, da súa nenez e da súa xente”.

Pola súa parte, a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leite, asegurou que se trata dunha mostra “das máis visitadas no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” con máis de 1.000 visitas, o que me congratula xa que, Carlos Velo, un dos directores de cine máis recoñecidos internacionalmente, pero debido a que tivo que marcha ao exilio foi pouco coñecido entre nós”.

“Carlos Velo naceu en Cartelle, aínda que a súa vida pasouna en Ourense para estudar e foi no Instituto Otero Pedrayo onde o seu mestre, Vicente Risco lle inculcou o sentimento galeguista que perdurou nel toda a vida. Continuo os seus estudos en Madrid especializándose en Biolóxicas e alí estivo en contacto coa Institución Libre de Ensino e cos movementos educativos daquela época. En toda a súa traxectoria, Carlos Velo mostrou ser unha persoa con gran empatía e capacidade de liderado. O seu exilio a México privouno de desenvolver a súa carreira cinematográfica en España, pero deixounos obra dabondo para poder estudar, e a Fundación o que pretende é poñer en valor a súa figura e a súa obra”, explicou Carmen Leite.

Ademais, a presidenta da Fundación adiantou que esta mostra “levarase a outros lugares porque creo que calquera persoa do mundo rural pode sentirse identificada coas escenas que podemos ver nestas magníficas fotografías”. Nese mesmo senso, o padroeiro da fundación, Antonio Piñeiro, dixo que esta exposición “debe de coñecela toda Galicia e tamén é digna de estar en calquera sala onde a fotografía teña presenza”.

O concelleiro de Cultura de Cartelle, Dani Fernández, animou a que non se perdan este tipo de exposicións “para que os máis mozos poidan coñecer este tipo de escenas tan cotiás naquela época e aquela xente que non chegamos a coñecer”, e o alcalde desta localidade, Jaime Sousa, agradeceu a Carmen Leite que “decidira adquirir a casa paterna de Carlos Velo que ten tanto valor simbólico para o noso municipio e que oxalá algún día se poida converter nunha Casa Museo”.

“A mostra sorprende porque todos coñeciamos o papel de Carlos Velo como cineasta e, de pronto, descubrimos a potencia destas imaxes en conxunto dun Carlos Velo descoñecido, pero cunha mirada singular e profesional na técnica, con alma”, sinalou Antonio Piñeiro.

Artigos relacionados

Back to top button