EconomíaEconomía

A Mostra da Oportunidade convirte Expourense nun enorme “outlet” de comercio local

Os comerciantes están contentos con esta segunda xornada que cualifican de “boa”

Produtos de todo tipo a prezo de saldo. Esa podería ser a frase que resuma a 24 Mostra da Oportunidade, que esta fin de semana estase levando a cabo en Ourense. Comerciantes de toda a provincia sacan para fóra os seus restos de tempada que non puideron vender nas rebaixas, e expóñenos no recinto feiral da cidade a uns prezos máis que atractivos.

Todos os expositores que están estes días en Expourense coinciden en que as rebaixas “non foron moi boas este ano”. Algúns aseguran que non cumpriron as súas expectativas de vendas neste período e, por iso, aproveitan esta mostra para sacarlle partido a ese “stock”. Eles mesmos cualificaron a xornada de hoxe, sábado 4 de marzo, de “boa” e é certo, xa que cara ás 17:00 horas Expourense era un bulideiro de xente.

Teresa Salgado, xerente da tenda “La pequeña coqueta” de roupa de bebé, ubicada no centro de Ourense asegura que “este ano acumulouse máis stokc ca anos anteriores”. A vendedora reitera que esta feira é “unha moi boa oportunidade para sacar adiante o xénero que quedou almacenado na tempada pasada”. Segundo contou, agora mesmo no seu posto “a roupa ten prezos únicos e non sobe ningunha dos 25 euros”. Con todo, reitera que este ano “foi o máis frouxo en rebaixas e na campaña de Nadal”.

Foron moitos os ourensáns os que hoxe se achegaron até o recinto de exposicións para ver se podían atopar algunha “ganga”. E o certo é que había numerosos visitantes con bolsas nas mans, sobre todo os pais con fillos que buscan aforrar uns cartos en roupa para os seus pequenos que “sabemos que a van pór moi pouco tempo porque logo medran e xa non lles serve”, asegura unha compradora

Pero a Mostra da Oportunidade non só é roupa ou calzado, o sector da pel e da xoiería tamén están presentes, así coma os do descanso e o sector mobiliario. Por exemplo César Augusto Barbosa, que vén vender os seus sofás a Ourense dende a Estrada: “ofertamos aos clientes un desconto do 20% nos mobles e incluímos facelo a medida”.

E entre os artigos de coiro, por exemplo, unha chaqueta que antes custaba 500 euros, agora pode adquirirse por 250. E no eido do téxtil, os pantalóns vaqueiros de primeiras marcas pódense atopar a 40 euros.

Artigos relacionados

Back to top button