CulturaCulturaÚltima hora

Mostra de fondos bibliográficos e documentación sobre Florencio Delgado da Fundación Penzol

Esta exposición inaugurarase o vindeiro 21 de abril no vestíbulo da Casa Galega da Cultura en Vigo

 

O 21 de abril, ás 12,30, abrirase ao público, no vestíbulo da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2 – 36202 Vigo), unha mostra que presentará unha selección dos fondos bibliográficos e documentais que posúe a Fundación Penzol relacionados con Florencio Delgado Gurriarán, escritor a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas de 2022. Unha das mesas estará dedicada á presenza de intelectuais
galegos exiliados en México, onde tamén se exiliara o homenaxeado. A mostra permanecerá aberta ata o 3 de xuño.

No acto intervirán Malores Villanueva, secretaria da Fundación Penzol; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Ricardo Gurriarán, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista; Xesús Alonso Montero, académico, padroeiro da Fundación Penzol e autor
de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio; Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol, e Abel Caballero, alcalde de Vigo.

 

 

 

A selección e organización dos materiais foi realizada polas padroeiras da Fundación Penzol Malós Cabrera e Malores Villanueva, que contaron coa colaboración do persoal técnico da Casa Galega da Cultura, así como de Editorial Galaxia na preparación dalgúns dos materiais gráficos.

A primeira mesa, dedicada aos aspectos biográficos e á súa obra poética, presenta as primeiras edicións dos seus libros —dos anos 1934, 1963, 1981 e 1986—, material gráfico familiar, correspondencia e orixinais manuscritos e mecanoscritos. A segunda dedícase á súa personalidade política, como republicano e galeguista, presentando documentación gráfica e correspondencia, así como a primeira edición do
Cancioneiro da loita galega, obra colectiva editada en México, ao seu coidado, en 1943.

A terceira trata do seu seu labor como tradutor e sobre as súas colaboracións en dúas iniciativas da cultura galega no exilio mexicano: as revistas Saudade e Vieiros, ademais dun dos seus escasos textos en prosa e algún exemplo de súa poesía de temática mexicana.

A cuarta mesa estará dedicada ao exilio galego en México, coa presenza de publicacións, material gráfico e correspondencia de relevantes personalidades dese exilio, e unha peaña adicional presentará a edición facsimilar da revista Vieiros. Ademais os asistentes terán á súa disposición o número 25/2 do boletín Novas
Penzol, que recolle as referencias completas, tanto bibligráficas como documentais relacionadas co homenaxeado.

Artigos relacionados

Back to top button