En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A mostra sobre o liño de Carlos G. Hervella abre o Outono Fotográfico no Barco

Está formada por 25 imaxes a cor e poderá verse ata o 16 de novembro no Teatro Lauro Olmo

Da sementeira ás prendas. Son o comezo e o final do proceso de transformación do liño e tamén a primeira e a última das 25 fotografías a cor que forman parte da exposición que ata o 16 de novembro pode verse no vestíbulo do Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Con moito esforzo, paciencia e empeño, no ano 1987 botaba a andar da man da Asociación Cultural San Miguel de Bidueira (Manzaneda), un proxecto etnográfico para a recuperación do liño nas distintas fases: a semente, o cultivo e a súa transformación. Foi un proceso arduo que durou uns dous anos e nel colaborou moita xente, especialmente un grupo de mulleres que desenvolveron o labor (Leónides, Lucilda, Benita, Catalina, Maruja, Pura,…), Anuncia Prieto e Manuel González, que estiveron detrás, e tamén Clemente Pérez fundador da asociación e Carlos G. Hervella, o fotógrafo natural de Trabazos (Manzaneda) que entre 1991 e 1992 documentou graficamente o proceso.

As fotografías de Carlos e os textos de Clemente deron forma á exposición que na tarde do 2 de novembro era inaugurada no Barco, nun acto que contou coa presenza da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, e dos autores das imaxes e dos textos. Antes de explicar os aspectos técnicos da mostra, o fotógrafo deu as grazas a todos os presentes, e moi especialmente ao Concello do Barco, á concelleira de Cultura e ao técnico, por contar coa súa obra para expoñer e por poñer a Valdeorras na vangarda. “O rural está volvendo a estar de moda”, dixo, poñendo como exemplo o éxito que acompaña algunhas publicacións recentes sobre o agro e o interior.

Na súa intervención, Hervella explicou que esta mostra naceu hai 25 anos “cando había 30 que non se sementaba liño en San Miguel”, loando o traballo e empeño de toda a xente que participou, e asegurando que “os proxectos que se fan con sentimento e paixón son os que perduran” e este, que xa percorreu diferentes escenarios culturais, segue máis vivo que nunca.

“O Liño” é a primeira das dúas exposicións que pasarán polo Barco de Valdeorras no marco da 34ª edición do Outono Fotográfico, e poderá verse ata o vindeiro 16 de novembro.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button