CulturaCulturaÚltima hora

Mozos colombianos viaxarán a Galicia para vivir a experiencia da Ruta Xacobea

A actividade forma parte do proxecto sobre o Camiño de Santiago, do Centro Cultural e Educativo Español Reyes Católicos de Bogotá
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro co reitor do CCEE Reyes Católicos, Luis Fernández.
A direcora de Turismo de Galicia, Nava Castro co reitor do CCEE Reyes Católicos, Luis Fernández.

O Centro Cultural e Educativo Español Reyes Católicos ubicado na cidade de Bogotá (Colombia), ten acento galego. Por algo, o seu reitor Luis Fernández López (ex director do IES Carlos Casares de Viana do Bolo) é natural de Quiroga (Lugo) e ademais atópanse inmersos nun programa sobre o Camiño de Santiago.

Para coñecer de primeira man ese proxecto, a mediados de abril, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro (precedida polo propio presidente da Xunta que en visita institucional a Colombia achegárase unhas semanas antes ata o centro español) visitaba o lugar, ofrecendo aos alumnos unha conferencia sobre o camiño xacobeo.

Tal como explica o reitor, o CCEE Reyes Católicos é un centro da Embaixada de España en Colombia con dúas funcións. Por unha banda unha función educativa para alumnado de 3 a 18 anos, e por outra, unha función cultural “de difusión da cultura española en todo Colombia” puntualiza Luis. É nesa faceta, onde se encadra o proxecto Camiño de Santiago, unha actividade do Centro Cultural que ten como finalidade achegar a cultura galega a Colombia. “Temos como obxectivo marco diversificar a imaxe cultural española en Colombia, moi centrada nalgúns tópicos pero que descoñece, en xeral, moitas manifestacións culturais” puntualiza o reitor. 

Entre as actividades programadas dentro do proxecto, está a viaxe que neste ano un grupo de colombianos fará á comunidade galega para vivir a experiencia da Ruta Xacobea, sobre a que Nava Castro falou no seu relatorio. “Formaremos grupos de 40 persoas (maiores de idade ou menores acompañados) que irán facendo o Camiño” din dende Bogotá. A primeira ruta está prevista para xullo de 2015.

Nava Castro mantivo unha reunión co reitor do centro, Luis Fernández.
Nava Castro mantivo unha reunión co reitor do centro, Luis Fernández.

Esta viaxe é unha das actividades do programa pero non a única. “Xa tivemos unha exposición de arte sobre o Camiño de Santiago da pintora colombiana Claudia López así como feiras gastrónomicas, e teremos un Ciclo de Cine sobre o Camiño e concursos escolares para todo Colombia” adianta Luis Fernández. Ademais, o 29 de maio actuarán no Centro Cultural, Paula Rey e Bieito Romero, cantante e músico de Luar na Lubre.  

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close