CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Mr. Cool na III Velada dos Sentidos en Xagoaza (O Barco)

Desenvolverase o vindeiro 6 de xullo a partir das 20h. nos xardíns da Adega Godeval
O cantante e instrumentista Mr. Cool./ Fonte: http://mistercool.es

Da man dos godellos, a gastronomía e a música ao aire libre e entre viñedos desenvolverase a III Velada dos Sentidos de Godeval en Xagoaza (O Barco). Esta adega ultima a terceira edición da Velada dos Sentidos, que se celebrará o vindeiro 6 de xullo dende as 20h. nos seus xardíns.

Nesta ocasión o apartado musical correrá a cargo do cantante e instrumentista galego Ramón Orencio “Mr. Cool”. “É un artista moi especial que nos fará sentir a música a través dunha voz moi persoal acompañada da súa interpretación con trompeta, guitarra e outros instrumentos. Nesta actuación na adega actuará cunha banda, ofrecendo un concerto para público de calquera idade e condición”, adiantan dende Godeval.

A intención desta adega é darlle continuidade a este ciclo de concertos se que iniciaba hai xa dous anos “e poder traer a Valdeorras a artistas que están despuntando polos seus traballos musicais e aqueles que xa teñen unha traxectoria, aínda que sexa menos coñecida, pero avalados polo seu traballo”, destacan.

Ademais de escoitar música, poderán degustarse os godellos de Godeval xunto cunha variedade de tapas deseñadas por un restaurante de Valdeorras, e, finalmente, “cócteles cuxas receitas orixinais teñen sido creadas por cocteleiros galegos de primeiro nivel” e cuxa base principal serán os augardentes e licores da adega, anuncia Godeval.

As persoas interesadas en acudir a esta velada poderán adquirir as súas entradas, que xa están á venda a un prezo de 15 euros por persoa, ata o día 4 de xullo na sede de Godeval en Xagoaza e tamén en varios establecementos comerciais do Barco: Ton y Son, Perfumería e Estética Pamen e Can-Can.

 

Artigos relacionados

Back to top button