EconomíaEconomíaSen categorizarÚltima horaViticultura

Mr. Cool porá son a III Velada dos Sentidos de Godeval, o 6 de xullo

O xardín desta adega en Xagoaza (O Barco) acollerá a partir das oito da tarde do sábado esta actividade que mestura viño, música e gastronomía
Imaxe dunha edición anterior da Velada dos Sentidos de Godeval en Xagoaza (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre viñedos desenvolverase a III Velada dos Sentidos de Godeval en Xagoaza (O Barco) o vindeiro sábado 6 de xullo a partir das 20h. Nesta ocasión o apartado musical desta proposta, que mestura viños, gastronomía e actuacións ao aire libre; correrá a cargo do cantante e instrumentista galego Ramón Orencio “Mr. Cool”.

“É un artista moi especial que nos fará sentir a música a través dunha voz moi persoal acompañada da súa interpretación con trompeta, guitarra e outros instrumentos. Nesta actuación na adega actuará cunha banda, ofrecendo un concerto para público de calquera idade e condición”, adiantan dende Godeval.

Ademais de escoitar música, os participantes poderán degustar os godellos de Godeval nos xardíns da adega xunto cunha variedade de tapas deseñadas por un restaurante de Valdeorras, e, finalmente, “cócteles cuxas receitas orixinais teñen sido creadas por cocteleiros galegos de primeiro nivel” e cuxa base principal serán os augardentes e licores da adega, anuncia Godeval.

 

Artigos relacionados

Back to top button