CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Mulleres”, un interesante proxecto expositivo do IES Lauro Olmo

A mostra, realizada polos alumnos/as do centro baixo a coordinación do profesorado, achega a unha serie de figuras femininas de relevancia dende a antigüidade ata hoxe

Vendo que nos temarios educativos a muller está practicamente invisibilizada, alumnos e profesores do IES Lauro Olmo do Barco comezaban a traballar, de forma natural e espontánea, nun proxecto que vén de tomar forma de exposición coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller.

O seu título é “Mulleres”, tal e como pode verse nas dúas entradas do centro, e nela fan un percorrido polas figuras femininas de referencia histórica (dende a antigüidade ata hoxe) en ámbitos moi diferentes. Pode verse nos corredores do centro, se ben vai ir completándose con novas aportacións nos vindeiros días.

“Mulleres” está estruturada en catro áreas temáticas: historia, filosofía, antigüidade, arte e ciencias. Neste apartados inclúense fichas coa imaxe de cada unha das figuras históricas estudadas, o seu nome, data e lugar de nacemento e de falecemento (no caso de que teñan finado), así como unha breve reseña sobre a súa relevancia, e ata algunha frase textual en determinados exemplos. Unha información recompilada e traballada polos estudantes, coordinados polo profesorado do IES Lauro Olmo. Nesta escolma poden verse figuras clásicas como Hipatia de Alexandria ou Cleopatra, xunto a outras posteriores como Artemisia Gentileschi, ou, xa máis adiante Marie Curie.

Tampouco faltan referencias españolas como Mariana Pineda, ou outras actuais como Victoria Camps. Hai tamén mulleres galegas como Ángeles Valiño ou Antonia Ferrín Moreiras, e mesmo valdeorresas como sucede coa guerrilleira Chelo Rodríguez ou coa mestra Francisca Álvarez. “Esta exposición é necesaria porque na nosa historia non sempre as mulleres son as que destacan, normalmente os que destacan son os homes. Por iso esta exposición axúdanos a ver que na historia tamén hai mulleres que son moi importantes e que foron necesarias para que o mundo sexa como é hoxe”, comenta unha das alumnas en plena montaxe da mostra.

A exposición está pensada como un proxecto vivo sobre o que alumnos/as e profesores/as van seguir traballando ao longo deste curso. Ademais está aberta ao público que queira achegarse a vela.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button