En portadaÚltima hora

Multitude de persoas percorren Castro Caldelas á luz dos Fachós

A vila revivía na tarde do 19 de xaneiro este ancestral ritual de lume

 

Unha longa procesión de lume percorría na tardiña deste 19 de xaneiro o casco antigo de Castro Caldelas. A vila cumpría, un ano máis, coa ancestral tradición dos Fachós que congregaba a multitude de persoas.

Como de costume, o ritual comezaba no adro da igrexa dos Remedios. Alí procedíase a prender lume a un longuísimo gran fachón coa figura en palla de San Sebastián, portado por un gran número de veciños. A comitiva, seguida por arredor de 600 fachós individuais, dirixíase despois cara o casco antigo.

 

 

Despois, a procesión regresaba ao adro. Alí, depositábase enroscado o gran fachón nunha enorme fogueira e, deseguido, os fachós individuais para, así, dar paso á parte gastronómica da celebración. Os asistentes podían saborear chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, xunto con pan artesán de forno de leña, viño da DO Ribeira Sacra, ademais dunha “Queimada”, xa como fin dunha festa que estivo animada pola música da Charanga Terras do Bibei de Trives e do grupo local Os Trabazos.

Este ano incrementábase o número de asistentes e entre eles estaban alcaldes da zona da Ribeira Sacra e doutros puntos da provincia, como é o caso da cidade de Ourense, que acompañaban á alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega. Tamén acudían o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button