ConcellosÚltima hora

Multitudinaria cabalgata de Reis en Verín

O percorrido concluía no pavillón de deportes, onde Melchor, Gaspar e Baltasar agasallaban aos nenos co libro “Os Bolechas van a Verín”, editado polo Concello

Dende a Casa do Escudo iniciaba o seu percorrido polas rúas de Verín a cabalgata de Reis en torno ás cinco da tarde. Con anterioridade, os Reis Magos de Oriente acudían á residencia da terceira idade Santa María para entregarlles presentes ás persoas maiores.

Numerosas persoas de todas as idades enchían as rúas para ver de preto a Melchor, Gaspar e Baltasar. Tras percorrer a avenida Luís Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, a comitiva real concluía o seu traxecto no pavillón de deportes, onde tiña lugar unha gala na que participaban a alcaldesa infantil e os seus concelleiros.

Ademais os Reis Magos saudaban aos nenos, que formaban unha longa cola, e entregábanlles o libro “Os Bolechas van a Verín”, recentemente editado polo Concello de Verín para promocionar o municipio.

Por outra banda, o venres 6 de xaneiro, a partir das 20 horas, a igrexa da Mercé de Verín acollerá o tradicional Concerto de Reis, organizado pola Asociación Verinense de Amigos da Música. Durante o mesmo, no que colaboran a Comunidade Mercedaria e Concello de Verín, o Coral de Verín interpretará panxoliñas como: Adeste Fideles, Feliz Nadal, Meu Carrapuchiño, Esta noite naceu, Señora Doña María, entre outras. Todas as panxoliñas foron adaptadas e arranxadas para o Coral de Verín por Edelmiro Mateo.

Fotos: Carlos G. Hervella agás as catro primeiras da galería que son do Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button