ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Multitudinaria procesión de Santa Rita polo centro do Barco

Despois de tres días de festexos, con baile e actividades lúdicas e relixiosas, as Festas de Santa Rita chegan hoxe ao día grande, 22 de maio. Data na que se conmemora o nacemento e morte da santa que preside a igrexa de nome homónimo, no centro do Barco de Valdeorras.

E grande a devoción que esperta Santa Rita, avogada dos imposibles, dentro e fóra do Barco, polo que ao longo da mañá sucedéronse as misas (unha cada hora dende as oito), aínda que era ás 12h. cando comezaba o acto central do día: a procesión coa venerada imaxe da santa rodeada das tradicionais rosas vermellas.

Trala misa de once que remataba coa veneración da reliquia, numerosas persoas con ramos de rosas agardaban no exterior da igrexa. E trala imaxe da santa, a multitudinaria comitiva relixiosa acompañada pola Banda de Música do Barco, pasaba pola avenida Conde Fenosa para xirar por Eulogio Fernández, ata chegar á rúa Santa Rita. Alí a procesión regresaba á igrexa parroquial, onde se celebraba a solemne misa cantada polo coro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button