ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Multitudinario concerto de aniversario da Banda de Música do Barco

O Orfeón Valdeorrés e a Agrupación Tradicional da Escola de Música e do Conservatorio tamén participaban nesta actuación celebrada no Teatro Lauro Olmo

Pasodobres, bandas sonoras e mesmo algunha zarzuela. Ao longo de case hora e media a Banda de Música do Barco, dirixida por Manuel Prada Ramos, deleitaba a un público entregado nun concerto de aniversario que abarrotaba o Teatro Lauro Olmo do Barco na tarde do 21 de maio. Tanto é así que eran moitas as persoas que seguían de pé este recital, que comezaba cunha pequena introdución na que Lucía Fernández contaba as orixes desta formación cuxo xerme foi, dez anos atrás, o grupo de saxofonistas do Barco. Actualmente, convertida en asociación, reúne ao redor de 40 integrantes (de idades moi diferentes) das comarcas de Valdeorras, Trives e do Bierzo.

A continuación soaba “Amparito Roca”, o primeiro dos temas dun variado e completo repertorio no que a banda facía un repaso pola súa evolución e mesmo estreaba pezas novas como “The Pink Panther” ou “Viloira”, unha composición de Ricardo Courtier que tocaban conxuntamente coa Agrupación Tradicional da Escola de Música e Conservatorio do Barco.

A este concerto aniversario tamén se sumaba o Orfeón Valdeorrés (dirixido por José Ramón Mansilla) que primeiro interpretaba dende a zona máis alta do auditorio barquense “Candilejas”. Parte dos seus integrantes baixaba de seguido ao escenario para cantar “¿Dónde estarán nuestros mozos?” e, finalmente, a agrupación coral ao completo acompañaba á banda de música en “1942. La conquista del paraíso”.

De novo soa, a banda achegaba novos temas, entre eles, “Cartoons in concert” ou “Non llores por mí Argentina”. E logo recibía no escenario aos membros da Agrupación Tradicional da Escola de Música e Conservatorio do Barco para tocar “Banda galega”. Era tamén o momento no que o director da banda agradecía o labor, esforzo e implicación dos músicos que compoñen esta formación e lembraba as dificultades para que os rapaces continúen vencellados a ela unha vez que cumpren 18 anos e marchan a estudar fóra, debido ás malas comunicacións de Valdeorras.

Prada Ramos tamén destacaba o apoio do Concello do Barco e agradecía a participación neste concerto das outras dúas agrupacións musicais, entregándolles unha placa conmemorativa en lousa aos seus representantes. Ademais recordaba que a Banda de Música do Barco “está aberta a participar en todas as festas da zona” e matizaba que “nós facémolo igual de ben que a xente que vén de fóra”. Afirmación que era acollida cunha sonora ovación.

Cunha peza final, que non figuraba no programa e que o director lle adicaba aos familiares dos músicos da banda, as tres formacións musicais enchían o escenario. Tratábase de “Amigos para siempre”. Xusto antes da canción Manuel Prada era agasallado cun ramo de flores que compartía con todos os músicos aos que dirixe. Co público en pé, e entre aplausos, concluía esta actuación organizada pola propia banda.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close