CulturaCulturaÚltima hora

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense celebra o Día Internacional do Patrimonio Mundial

Haberá unha serie de actos ao redor da Semana do patrimonio moble coa actividade “Peza do ano”, para a que desta volta se escolleu a obra castresexa do “Sedente de Pedrafita”

 

“Sedente de Pedrafita”./ Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Sumándose á iniciativa da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega de celebrar o Día Internacional do Patrimonio Mundial (16 de novembro), o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ten previsto realizar diversos actos ao redor da Semana do patrimonio moble, coa actividade “Peza do ano”.

A obra seleccionada polo museo como “Peza do ano” é o “Sedente de Pedrafita”. Esta entidade escolleuna porque entende que “nela conflúen os valores histórico-artísticos que a singularizan como unha das pezas máis excepcionais da plástica castrexa, ademais de ter ingresado nos fondos do Museo como doazón dun particular, o que pon de manifesto o interese e valoración dos cidadáns polo Patrimonio Cultural, ao comprender que os Museos son os lugares imprescindibles para a salvagarda da nosa memoria e para a transmisión do coñecemento científico”.

Así, dentro das actividades, o xoves día 16 ás 12:30h terá lugar unha visita guiada á peza na Sala de San Francisco: “Escolma de escultura”, na que se explicará “non só o valor histórico-artístico desta obra senón tamén o verdadeiro interese que adquiren as obras nos museos e o significado do Día Internacional do Patrimonio Mundial”, segundo adiantan dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Máis información:
http://consellodacultura.gal/dia-do-patrimonio-2017.php
http://www.musarqourense.xunta.es/actividades/dia-internacional-do-patrimonio-mundial/

Artigos relacionados

Back to top button