ConcellosÚltima hora

O Museo da Gaita de Fole de Barbadás abrirá as súas portas o xoves

Este espazo foi pensado, segundo dixo o seu artífice, o musicólogo Paulo Gonçalves, como “un espazo vivo que incluso continuarase facendo co tempo”
Este espazo fará un repaso sobre a historia do instrumento tradicional galego. // Foto: Carlos Asensio.

O Concello de Barbadás porá en marcha, o vindeiro xoves ás 20:30, o Museo da Gaita de Fole, “o primeiro museo de Galicia destas características”, segundo explicaron onte Xosé Manuel Fírvida, tenente de alcalde do concello, e Paulo Gonçalves, autor intelectual do proxecto na presentación de hoxe, 26 de setembro, no Liceo. O recinto marcará outro fito, “como o de ser o primeiro da historia de Barbadás”, apuntou o edil, quen deu conta de que o novo espazo museístico está ubicado na rúa Carreira, de Barbadás, fronte á Casa do Concello, nun edificio construído hai 12 anos con fondos europeos, pero que ata o de agora”foron doce anos de abandono”, reiterou Fírvida.

A inauguración do museo supón “unha profunda aposta pola cultura”. Segundo relatou o tenten de alcalde, “un concello debe ter polideportivo, escola municipal, edificios públicos adicados á promoción económica ou servizos sociais, mais tamén debe haber espazos para a cultura. En Barbadás temos xa unha casa da cultura, que sufriu un cambio profundo de contidos e función dende hai dous anos; agora este museo ven a complementar as infraestruturas culturais, que son igual de importantes para o desenvolvemento dunha sociedade como todas as demais”.

Neste senso, o edil de Barbadás asegurou que este espazo “tiña que converterse nun museo relacionado coa música porque así foi concibido no seu inicio debido á gran tradición musical do concello, onde chegou a haber dúas bandas de música, grande tradición musical nos seus pobos e que na actualidade conta con tres corais, varias agrupacións musicais e unha escola de música con máis de 200 alumnos”

O encargado de artellar esta idea foi o músico e musicólogo Paulo Gonçalves, que contou que a idea para este espazo “foi a de concibir un museo adicado a un instrumento como a gaita, que é referencia no ámbito galego; de feito é un símbolo, un atributo dos galegos, entón decidimos facer un museo historial, por iso digo que é un discurso ou un relato, dinámico, que consiste na historia da gaita de fole. Trátase dun museo único entre os que eu coñezo”, indicou Gonçalves, antes de afirmar que se trata “dun espazo vivo, pero inconcluso, pois continuarase facendo co tempo”.

Paulo Gonçalves apuntou, tamén, que no museo quedará claramente trazada “a historia da gaita dende as primeiras referencias que temos, que nos din que foi utilizada na música erudita dende o século IX; tocárona reis, raínas e aristócratas, aínda que a historia revela que estivo sempre presente nos ambientes das elites económicas e políticas”.

Artigos relacionados

Back to top button