OurenseÚltima hora

Musgo, o primeiro festival de música do outono en Ourense, anuncia o Xacobeo 21 con oito concertos gratuítos

Celebrarase o 19 de outubro e polo seu escenario pasarán bandas galegas como Baiuca ou Blanco Palamera, entre outras nacionais e internacionais

 

A Praza Saco e Arce da capital das Burgas acollía na mañá do 19 de outubro a presentación de Musgo, unha iniciativa que xorde en Ourense baixo o paraugas do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Xunta de Galicia, e que coa colaboración de SON Estrella Galicia e a Deputación de Ourense, despregará unha xornada chea de música no sur do casco vello ourensán o vindeiro 19 de outubro.

No acto de presentación estiveron presentes Cecilia Pereira, Comisaria da Xunta para o Xacobeo 2021; Aurelio Gómez, asesor de Política Cultural da Deputación de Ourense; e Adrián Fragueiro e David Pedrouzo, promotores do proxecto.

Como expuxo Cecilia Pereira, “a calidade de Musgo fixo que a proposta fose seleccionada entre os 650 proxectos que concorreron ao programa “O teu Xacobeo”, co que a Xunta quere fomentar a implicación dos galegos e galegas no próximo Xacobeo, que agardamos sexa dos máis exitosos e participativos”.

 

Adrián Fragueiro, un dos promotores do festival, explicou que o evento “usará a música como escusa para poñer en valor a Ourense dentro da Galicia Xacobea, buscando destacar o atractivo da nosa cidade como punto de partida para unha peregrinaxe a Compostela curta e de outono”. Nesta primeira edición pasarán polo festival dúas bandas portuguesas – Lince e Whales-, tres galegas -Blanco Palamera, Ladrillo y Mujer, e Baiuca-, dúas estatais -Yana Zafiro e Mourn-, e unha do Reino Unido -o dúo AK/DK-, a aposta máis forte do proxecto.

Con todo, o 19 de outubro será “un día de festa, para o o intercambio de experiencias, entre veciñanza, peregrinos e visitantes, unha xornada de convivencia para todas as idades, e de carácter totalmente gratuíto” que se desenvolverá na praza Saco e Arce e os Xardíns Calpurnia Abana que miran ás Burgas. Fragueiro explica que “como unha intervención socio-cultural, será o público quen vai transformar estes espazos en lugares vivos, tomados pola xente”, e aclara que “o carácter maiormente diurno do evento busca a participación interxeneracional, e tamén preservar o descanso da veciñanza”.

Artigos relacionados

Back to top button