ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Música, cine, obradoiros virtuais e homenaxes, entre as propostas do Nadal de Viana

O Concello vén de presentar un completo e variado programa de actos para as vindeiras datas festivas

 

Cunha ampla variedade de propostas, que mantén iniciativas como a ludoteca, concertos, cine ou a tradicional visita dos Reis Magos, xunto con actividades virtuais e unha forte apostao polo comercio local; preséntase o programa de Nadal 202/2021 do Concello de Viana.

“É adaptado ao momento no que vivimos. Un programa que trata de reflectir os valores destas datas chaman ás nosas portas e que, por atoparnos nunha situación delicada, non debemos esquecer. Non obstante, o primeiro que hai que afirmar é que todas e cada unha das actividades programadas realizaranse cunha exquisita minuciosidade en relación ás recomendacións sanitarias que existan no momento de levalas a cabo. A poboación de Viana do Bolo debe saber que pode asistir a cada acto programado coa tranquilidade de que se levarán a cabo as medidas oportunas para que poidan gozar destas máxicas datas sen medo”, asegura o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo.

Unha das novidades serán os obradoiros, que outros anos se levaron a cabo presencialmente, pero que este ano van ser virtuais. “Promocionaremos a canle de YouTube do Concello, e realizaremos artesanía, cociña, concursos, a recepción dos Reis Magos, o desenvolvemento da súa visita ás aldeas, polas rúas de Viana, … a través dos ollos de youtube, dende a casa, coa familia, … E é que en definitiva esta situación tamén debe ser unha oportunidade para o noso Concello sacando o máximo proveito das redes sociais”, engade o rexedor vianés.

Haberá, así mesmo, actos presenciais na Casa da Cultura. “Un local que leva moito tempo pechado e que queremos abrir con todas as garantías sanitarias para poder gozar do cinema infantil e familiar, dos Bolechas, e de actuacións artísticas de calidade verificable; actuacións deseñadas para a xente de Viana, xente amante da música e do cinema”, indica Carballo. Haberá concertos, como os da cantante de fados María do Ceo e o da pianista María Mendoza, ademais de proxeccións de cine, entre elas a dun filme de Charles Chaplin musicado en directo por Olga Brañas (piano) e Susanna Blanco (violonchelo).

 

 

Actos de homenaxe

“O Nadal é un tempo de xenerosidade, amizade e gratitude. Este ano queremos homenaxear aos que no 2020 (e sempre) están para coidarnos, protexernos,a aqueles que coidan dos/as nosos/as maiores nas residencias. O 4 de xaneiro celebraremos actos (sinxelos pero agradecidos) diante do Centro de Saúde, do Cuartel da Garda Civil e das dúas Residencias de Maiores para poder dicirlle aos persoal sanitario, á Garda Civil e aos/ás traballadores/as das Residencias”, continúa o alcalde vianés. Será unha homenaxe en forma de panxoliña “que cantaremos para achegar o Nadal aos que dan a súa vida para que a vivamos nós”.

Escea estática dun Belén

Haberá ademais unha posta en escea estática dun Belén no barrio de Cabo da Vila. Un Belén Vivinte “coas garantías sanitarias (distancia, máscaras, medición de temperatura, …) “, di o rexdor, e será escenificado “por máis de 50 figurantes, e deseñado polas asociacións de Viana”.

A aposta pola conciliación continuará un ano máis coa Ludoteca de Nadal. Ademais preténdese levar a música a todos os barrios de Viana. “É por iso que ao longo de tres días persoas voluntarias (namoradas da música) reuniranse para levar os acordes e as notas de Nadal a toda Viana: ao Cabo da Vila, á Praza, Ferradal, Toural…”, conclúe Abelardo Carballo.

Ademais os Reis Magos visitarán os diferentes núcleos de poboación de Viana e está prevista unha Covidgala.

Artigos relacionados

Back to top button