CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Música, cine, poesía e narración oral no verán cultural do Barco

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, presentaba a programación estival en rolda de prensa o 22 de xuño

Nada máis estrearse o verán, a Concellería de Cultura do Barco vén de presentar o programa de actividades que se desenvolverán na época estival neste concello valdeorrés. A proposta máis inmediata virá da man do ciclo “De Perto”, que nesta sexta edición está adicado á palabra contada, rimada e cantada e que se abrirá na noite do 22 de xuño con poesía. “Por primeira vez neste programa, cuxo responsable é Gustavo Docampo”, sinalaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, “imos ter poesía e comezando cunha das grandes no panorama literario galego, Olga Novo”. De Perto despregará un total de oito espectáculos, que se desenvolverán en catro escenarios diferentes e que irán dende os versos, pasando pola narración oral ata a música, coas actuacións de Tanxugueiras e Uxía.

Ademais na tarde do 23 de xuño celebrarase o San Xoán na praza de Viloira con actividades como unha carreira e unha andaina, ademais de música e, por suposto, unha fogueira. Outra das propostas deste verán serán as “Noites de Cine”, que terán maioritariamente como escenario a praza Maior do Barco con proxeccións ás 22:45h. Serán oito filmes, “unha programación fresca e divertida”, en palabras do responsable do Cine Club Groucho Marx, José María Rodríguez, que colabora co Concello nesta iniciativa. Xa en agosto retomaranse os bailes na praza Maior (os días 5, 12, 19 e 26 dese mes) e haberá un festival de teatro de rúa.

Ademais, entre o 2 de xullo e o 31 de agosto chegará unha nova edición dos campamentos de verán, que organiza Vagalume, e que van destinados a nenos de 3 a 12 anos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button