ConcellosÚltima hora

Música, deporte e gastronomía na Festa da Empanada de Allariz

A vila celebra a cita os días 20 e 21
Cartel da Festa da Empanada de Allariz.
Cartel da Festa da Empanada de Allariz.

O Concello de Allariz bota o mantel á mesa para degustar esta fin de semana a mellor empanada, enxalzando así un dos produtos estrela da gastronomía galega. O calendario marca os días 20 e 21, toda unha fin de semana para celebrar ben a Festa da Empanada. O programa promete moita música, actividades deportivas e, o principal, a empanada.

Os festexos comezarán o sábado ás 9 horas cunha tirada de bombas. A esa mesma hora celebrarase o Campionato de Billarda no Campo da Barreira. Xa de tarde, ás 18 horas levarase a cabo a XXVII edición do Triatlón Vila de Allariz, con saída dende a alameda. Posteriormente, ás 21 horas haberá un concerto a cargo da Banda Unión Musical de Allariz nos xardíns do Museo do Coiro. E a música continuará amenizando a localidade a partires da medianoite co grupo All in Rock Band, que escenificará un tributo ás bandas U2, Guns N’Roses, Dire Straits, ACDC ou Lenny Kravitz. Tamén serán nos xardíns do Museo do Coiro.

O domingo a festa comezará ás 11 horas cunha tirada de bombas e un pasarrúas a cargo da Banda de Música A Lira, de Ribadavia. Tamén á mesma hora abrirán os postos para degustar empanada no Campo de Vilanova. Estarán abertos durante todo o día e a entrada é gratuíta. En clave deportiva, tamén ás 11h se celebrará a XXIII Regata de Piragüismo no embarcadoiro da alameda. Ao mediodía, a música e o coorido encherá as rúas da vila cun desfile de Xigantes e Cabezudos acompañados do Grupo de Gaitas De Pé Feito, dende a Casa da Cultura até o Campo de Vilanova. A Banda de Música A Lira porá o punto e seguido á festa cun concerto no Campo de Vilanova ás 13 horas.

Xa na quenda de tarde, este mesmo campo será o escenario principal. Ás 19h, haberá un concerto para animar ao baile da man de Pesdelán. E ás 20h, a Banda de Música A Lira voltará coas súas melodías. Tamén haberá espazo para o deporte coa celebración do partido de fútbol Allariz-Vilar de Perdizes, ás 18 horas no campo Luis Cid Carriega (O Seixo). Xa pola noite, A Orquestra Nevada porá o punto musical na alameda, que continuará coa verbena a medianoite. Ás 22:30 horas tamén está prevista a presentación do grupo Batemento, que interpretará un espectáculo de folk fusión.

Artigos relacionados

Back to top button