Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Música e teatro para celebrar o Día Mundial da Saúde Mental, no Barco

O grupo de teatro de Morea representou a súa última obra Alicia no país

Mañá, mércores 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, pero dende a Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (AFEM) Morea do Barco adiantábanse un día, coa súa particular celebración no Teatro Lauro Olmo, da forma máis amena e divertida posible: con música e teatro.

O acto que tiña lugar na mañá do 9 de outubro contando entre o público con familiares, amigos e tamén alumnos do colexio Divina Pastora e do IES Martaguisela, arrancaba pasadas as 11 da mañá coa intervención do concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade. Orlando Saavedra explicou que “poder vivir con dignidade emana do respecto dos dereitos humanos básicos e Morea representa na súa existencia e co seu traballo diario unha loita efectiva pola dignidade das persoas afectadas por trastornos da saúde mental, para que ninguén quede illado da sociedade”, convidando á sociedade a “traballar día a día contra o maltrato físico e emocional, contra o abuso sexual e o abandono”.

De seguido, subíase ao escenario Joaquín Badillo, usuario de Morea, que interpretaba unha peza á guitarra, antes de dar paso á obra de teatro. MoreaShow puxo en escena a súa última produción Alicia no país. Partindo da obra de Lewis Carrol, Gabriel Prada dirixe esta sorprendente e divertida adaptación, dando lugar á historia xamais contada de Alicia.

Unha serie de animais entre eles o coello, os xemelgos, Alicia, os reis, o sombrereiro, o trasno,… Un a un van aparecendo sobre o escenaio os personaxes desta obra na que atopamos a unha protagonista cansada de vivir sempre as mesmas historias, de participar unha e outra vez na mesma festa. Do seu aburrimento xurde a necesidade de cambio, as ganas de romper con todo e comezar unha nova historia na que non falta a música, con temas como Alcolitos que comparten co animado público.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button