ConcellosÚltima hora

Música, Entroido e historia na celebración do 30º aniversario do Centro Sociocomunitario de Viana

O 19 de outubro celebrará unha xornada festiva con multitude de actividades abertas á cidadanía

Boteiro de Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En maio deste ano 2019 o Centro Sociocomunitario de Viana do Bolo vén de cumprir 30 anos, unha efemérede que os seus responsables queren celebrar e compartir cos veciños deste municipio cun programa moi especial que se desenvolverá o vindeiro 19 de outubro cunha chea de actividades abertas á toda a cidadanía.

Os actos principiarán ás 10h. no propio Centro Sociocomunitario cun acto de benvida e a exposición das actividades. Logo farase a presentación da ruta “Descubrindo Viana: camiñando na historia”, que se iniciará ás 11h. dende o Pilón da praza Maior da vila. Ás 12:30h. actuará o Orfeón Vianés na igrexa parroquial e a música continuará ás 13:30h., desta volta da man das Pandereiteiras Abaneo na praza do Castelo, onde tamén haberá algunha que outra sorpresa.

 

O Orfeón Vianés nunha recente actuación en Viana./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Ao mediodía terá lugar un xantar, cuxa entrada terá un custo de 13 euros e para o que os interesados poderán inscribirse no propio Centro Sociocomunitario (teléfono 988 788650). Servirase ás 14:15h. Despois, ás 17h. farase unha viaxe ao interior do Entroido nas instalacións do centro.

Ademais ás 18h. os máis pequenos poderán desfrutar cos inchables que se instalarán na praza Maior, onde ademais haberá un mercado artesanal. O programa completarase cun concerto de Ricardo Parada na Praza Maior.

“Para a realización de todas estas actividades contamos co apoio do Concello de Viana do Bolo”, así como coa da “Cruz Vermella Viana-Conso Frieiras, a Asociación de Fulións Rurais de Viana, a empresa D’Lecer, o Orfeón Vianés, as pandereteiras da Asociación Abaneo, o investigador social Carlos Ares e de Óscar López, animador sociocultural”, indican dende o Centro Sociocomunitario, que pretende que esta xornada “sexa unha actividade lúdica, de ocio saudable ao aire libre, aberta a todas as persoas que queiran participar”.

Nesta data quere ademais celebrararse que “o centro simboliza un ambiente de carácter versátil, aberto da toda a poboación (todas as idades, grandes e pequenos), dotado de recursos humanos e materiais. Ademais tamén se organizan todas aquelas actividades que demandan as persoas usuarias e moitas outras que non demandan e que se consideran de gran interese, orientadas unhas e outras a manter e potenciar as capacidades físicas, intelectuais e creativas das persoas participantes”.

 

Artigos relacionados

Back to top button