ConcellosÚltima hora

Música, gastronomía e deporte na XLV Festa do Peixe de Bande

Os amantes deste produto teñen unha cita ineludible co municipio esta fin de semana
José Antonio Armada, Rosendo Fernández e José Emilio Rodríguez durante a presentación do programa.
José Antonio Armada, Rosendo Fernández e José Emilio Rodríguez durante a presentación do programa.

A XLV Festa do Peixe encherá o municipio de Bande de música, deporte e gastronomía esta fin de semana, do 20 ao 22 de maio. O acto de presentación tivo lugar o pasado mércores no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o alcalde de Bande, José Antonio Armada e o representante do Club O Peixe, José Emilio Rodríguez.

A programación inclúe o campionato de pesca, que terá lugar na xornada do domingo 22. Segundo se apuntou, este ano vai vencellado á solidariedade, xa que os participantes deberán entregar un quilo de alimentos non perecedoiros coa súa inscrición, destinados ao Banco de Alimentos. A competición realizarase no río Limia con máis de cincuenta pescadores procedentes de Galicia e do norte de Portugal.

Pero non hai que esquecer que esta festa tamén terá un marcado carácter gastronómico. Catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia, ofrecerá na Praza da Constitución as mellores degustacións de produtos tradicionais, acompañado con actuacións musicais a cargo da Banda de Gaitas e Pandeiretas de Bande, e as charangas Os Bandiños e BB+. Serán os encargados de dar o pistoletazo de saída esta tarde, 20 de maio.

Mañá, 21 de maio, haberá un concurso de caza, unha gimkana fotográfica en familia e un mercado de artesanía con preto de 40 postos. Tamén se celebrará unha exhibición de patinaxe por parte de nenos de Bande e unha demostración de salto con patíns, a cargo de Freestyle Slalom Vigo. Ademais, a festa tamén terá moita música, pois no denominado Charagódromo de Bande daranse cita as charangas Compostela e Mekánica e haberá unha sesión DJ. Para os nenos, estará o espectáculo ‘Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica’.

A XLV Festa do Peixe rematará a programación no domingo co campionato de pesca. Pero ademais actuará a Charanga de Bande, o grupo Castrexos e haberá un concerto de acordeóns a cargo da asociación cultural Os Gandeiros da Baixa Limia. Por último, celebrarase unha exhibición de Zumba. Ao final da xornada, terá lugar a degustación dos peixes capturados ao longo do día, xunto con empanadas e pan artesanal do forno de Vilar de Bande.

Artigos relacionados

Back to top button