CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Música para presentar publicamente o mural do Camiño de Inverno, no Barco

Terá lugar o día 20 de novembro e o acto consistirá na exhibición do traballo do artista combinada coa música en directo de “Clon Bois”, tal e como informa Aeva

Mural elaborado por Abraldes, na baixada ao Malecón do Barco, xunto á praza Maior./ Foto: A.R.

 

O próximo sábado, día 20 de novembro, a partir das 17:30 horas, fronte á Praza Maior do Barco, AEVA organizará un acto para presentar publicamente o mural que está elaborando, nesta localización, o artista Juan Carlos Abraldes.

Esta actividade forma parte do proxecto de Promoción do Camiño de Inverno, enmarcado Programa AEVAempregaTE III, que financia a Deputación de Ourense, e que ten como obxectivo “promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística, fomentar o seu coñecemento entre a cidadanía, e poñer en valor os recursos turísticos estratéxicos” desta ruta oficial do Camiño de Santiago.

Así, aproveitando o próximo remate do mural, de 6 metros de ancho por 8 metros de alto, o acto programado para día 20 de novembro consistirá na exhibición do traballo do artista combinada coa música en directo da banda valdeorresa “Clon Bois”, cuxo repertorio está constituído  fundamentalmente por versións de rock/pop internacional.

“Trátase deste xeito de fomentar a participación dos espectadores no proceso de remate do mural, e tamén de amenizar a actividade promovendo e dando visibilidade aos músicos comarcais. A actividade será de acceso libre e gratuíto”, tal e como se informa dende Aeva.

Mural na Rúa

Nos próximos días Juan Carlos Abraldes iniciará os traballos de elaboración do mural no concello da Rúa, na avenida de Somoza, na parede do túnel. Do mesmo xeito que fixo no Barco, a temática do lenzo conxugará elementos patrimoniais característicos da localidade con sinais de identidade propias do Camiño de Inverno.

Ademais do patrocinio da Deputación de Ourense, os Concellos do Barco e da Rúa veñen colaborando tamén no desenvolvemento deste proxecto.

Artigos relacionados

Back to top button