CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Música tradicional galega e cetrería no II Festival no Castelo do Bolo

A Real Banda de Gaitas tocou o Antigo Himno do Reino de Galicia xunto á Escola de Gaitas do Concello de O Bolo

Os nenos levaban días ensaiando, todo o mundo estaba desexando escoitalos, e non defraudaron. Con apenas un ano de vida, a banda da Escola de Gaitas do Concello de O Bolo estreábase diante do público nun bonito acto celebrado na tarde do 14 de xullo: o II Festival no Castelo do Bolo. Os seus membros, vestidos con camisa branca e pantalón negro, abrían coa súa actuación un espectáculo musical adicado a Os Rosales de Rianxo que se estendeu durante dúas horas.

Os gaiteiros do Bolo tocaron tres pezas e de seguido, Florinda Corzo leu un poema escrito polo seu irmán Juan sobre o “Señorío do Bolo”, dando paso á actuación de Alba María (repentista). De seguido tocoulle o turno aos homenaxeados, o grupo de gaiteiros Os Rosales. Sobre o escenario colocado no patio de armas da fortaleza medieval, esta familia de varias xeracións de gaiteiros con José e Maruxa á cabeza interpretaron varias pezas, algunhas de creación propia tocadas en solitario polo fundador, con moita arte aos seus 88 anos. Emocionados e “agradecidos pola homenaxe e por ternos permitido tocar neste bonito entorno”, Maruxa e a súa familia despedíanse do público dando paso ao seguinte convidado, Rogelio de Aceveda, que cantou unhha copla antes de cederlle o turno e o escenario ás Cantareiras da Seitura de Lentellais.

 

O alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, xunto ás bandas de gaitas no final do festival.

 

En menos que canta un galo e co trono ameazando (finalmente non chegou a chover) os cantos de seitura deron paso ás Escolas Abertas da Secretaría Xeral de Emigración coa actuación de 55 xoves (fillos e netos de emigrantes) de Cuba, Arxentina, Venezuela, Uruguay, Perú e Suíza que se forman en Ourense durante o verán na escola dirixida por José Antonio Viñas. Da man dos profesores Óscar Ibáñez, Johnatan Ferreira e Leni Pérez, os xoves fórmanse en gaita, percusión e baile tradicional galego, ofrecendo ao público do Bolo unha mostra do aprendido. Un público que lle deu ao festival cun carácter internacional, coa presenza dun grupo de rusos de diferentes partes do país.

O propio profesor de gaita Óscar Ibáñez interpretou un par de pezas en solitario para deleite dos asistentes, antes de que a Real Banda de Gaitas da Deputación puxese o broche á festa musical. Facíao coma sempre coa entrada triunfal ao patio para tocar tres pezas, a última, o Antigo Himno do Reino de Galicia de forma conxunta coa Escola de Gaitas do Concello de O Bolo.

 

Un dos momentos do espectáculo de cetrería.

 

Paralelamente ao apartado musical, este ano o festival contou cunhas convidadas moi especiais: as Rapiñas do Salnés, unha compañía especializada en espectáculos de cetrería que levou ata o castelo a un grupo de aves, entre elas unha águia de grandes dimensións, que participaron no espectáculo dun xeito moi orixinal: levando o diploma co que o Concello e a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense agasallou a cada un dos convidados.

Visiblemente satisfeito e orgulloso do festival e da recuperación do castelo no que tivo lugar, o propio alcalde de O Bolo Manuel Corzo, acompañado polo director da Real Banda e artífice da xuntanza Xosé Lois Foxo, entregou a cada grupo participante unha réplica do Dúo de Músicos do Santuario das Ermitas que data de 1700, pechando o acto co agradecemento aos asistentes, tanto aos artistas como ao público esperando “que volvamos vernos dentro dun ano”.

Á saída do evento, presentado por Manola Porto, houbo unha merenda para os asistentes na praza do Castelo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button