En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Na exportación do viño é onde está o valor engadido”

O director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, abría a xornada técnica “O mercado do viño” no Barco

Tomando como referencia a evolución da produción vitivinícola dos últimos anos en Valdeorras e os seus destinos comerciais principiaba Jorge Mazaira Pérez, director técnico da Denominación de Orixe Valdeorras, a súa ponencia “O mercado do viño da D.O. Valdeorras” na mañá do 6 de xullo no Barco. Era ademais a conferencia inaugural da xornada técnica “O mercado do viño. Novas tecnoloxías”, promovida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) en colaboración co Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Mazaira, que era presentado polo técnico da Evega Alfonso Losada Quiroga, comentaba as características produtivas da comarca valdeorresa e cifraba entre un 12 e 15% a porcentaxe de exportación actual desta D.O., cunha marcada evolución positiva nos últimos anos. “A nosa presenza no mercado exterior ten sido significativa e ten chegado á xente”, comentaba. Tamén detallaba cales son os principais mercados nos que se vende o viño valdeorrés, destacando dentro da UE Reino Unido, Holanda ou Bélxica. E, fóra, aos Estados Unidos.

“Na exportación é onde está o valor engadido, pero tamén hai que ter en conta certos riscos e a produción”, matizaba o director técnico da D.O. Valdeorras, quen concluía a súa intervención referíndose ás estratexias de futuro de cara a mellorar o posicionamento dos viños desta zona vitivinícola ourensá nos mercados. E salientaba que “sen materia prima de calidade, non imos a ningures”.

A xornada, que se desenvolve no edificio multiusos do Barco, continuaba coa intervención doutros catro ponentes e a súa clausura está prevista para as 14h.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button