EditorialOpinión

Na Galicia interior berran: ¡Xa está ben!

¿Que está pasando aquí? ¿que pasa cos cidadáns da Galicia interior e, sobre todo, cos do medio rural? ¿É que temos unha maior facilidade para a emigración e os responsables das administracións saben como aproveitala? ¿por que non se pon o noso patrimonio arqueolóxico, cultural, natural e paisaxístico e gastronómico en valor para que podamos crear empresas relacionadas co turismo e co sector servizos para que a nosa xente cualificada e emprendedora poda vivir na súa terra xerando valor engadido aquí? Galicia non só é (que tamén) o Camiño Francés, a Catedral de Santiago, as Illas Cíes e a Praia das Catedrais, a Galicia Interior ten moitos e moi valiosos recursos turísticos.

Como sempre, temos que mirar que fan os nosos veciños da comundidade de Castela e León, que están preparando a posta en marcha dun Centro do Lobo Ibérico en Robledo (Pobra de Sanabria, Zamora) para fomentar un turismo sustentable e respetuoso con este animal e co entorno, de forma que se poda observar sen ser molestado.

E non é un exemplo único. Dende o Periódico O SIL xa temos informado en máis dunha ocasión de que non se están aproveitando as sinerxias turísticas de lugares como As Médulas (O Bierzo), Patrimonio da Humanidade, unha paisaxe aurífera que continúa ao longo da conca do río Sil polas provincias de Ourense e Lugo.

Nas serras galegas temos foxos de lobos case únicos no mundo e están en ruínas e case desaparecendo, agás casos excepcionais. Europa danos diñeiro, pero segue indo ás grandes poboacións. Ante este feito, ou hai unha clara intención niso ou unha gran ignorancia da nosa cultura e forma de vida por parte dos nosos representantes autonómicos. O goberno galego debe defender aos seus cidadáns, incluídos os da Galicia interior, algo que a sociedade non percibe. E os nosos representantes locais e provinciais deberían ter en conta que a política de “banco e farola” ao que nos levou foi ao despoboamento rural. Non hai apenas dinamismo económicos nos pobos, que quedan sen xente. E vilas con grupos escolares, están pechando estes edificios por falta de nenos. Algo haberá que facer. ¿Ou seguimos co de mexan por nós e dicimos que chove?

Pero non se trata só dunha cuestión de partidos, o ideal sería que coa Administración tamén colaborase o sector empresarial que queira invertir e a banca para desenvolver proxectos no interior e no medio rural galego que sexan de interese para os empresarios e para a sociedade.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button