CulturaCulturaÚltima hora

Na procura de petroglifos, en Sober

A Asociación O Colado do Vento organizará unha saída o 21 de xuño para localizar elementos arqueolóxicos e patrimoniais deste municipio lucense

 

Imaxe de petroglifos en Sober./ Foto: Asociación O Colado do Vento.
Imaxe de petroglifos en Sober./ Foto: Asociación O Colado do Vento.

Coa finalidade de localizar diversos elementos patrimoniais e arqueolóxicos existentes en Sober, a Asociación O Colado do Vento ten previsto promover o vindeiro 21 de xuño unha saída polo municipio coa participación de voluntarios. Entre eses elementos estarán “unha serie de petroglifos dos que xa sabemos, pero que aínda non están catalogados”, comenta Paula Vázquez, presidenta desta entidade cultural.

Este tipo de actividades están ligadas xa dende un principio ao labor desenvolvido por O Colado do Vento, pero a novidade, nesta ocasión, é que “imos darlle un carácter máis sistemático. O obxectivo é poñer estes elmentos no catálogo que ten elaborado Patrimoniogalego.net, que é un catálogo social. Tamén se pretende reivindicar que existe numeroso patrimonio e moi interesante, que é descoñecido pola poboación e que, en moitos casos, está abandonado”, indica Paula Vázquez.

O programa da xornada do 21 de xuño aínda non está concretado, pero podería desenvolverse ao longo de todo o día. Para máis información pode visitarse o facebook da asociación ou o seu blog: http://coladodovento.blogspot.com.es .

Artigos relacionados

Back to top button