CulturaCulturaÚltima hora

Na procura dunha vila romana en Proendos (Sober)

Veñen de iniciarse os traballos de prospección, que se realizarán nunha zona de 5 hectáreas, para localizar este xacemento

Traballos de prospección en Proendos (Sober)./ Foto: Concello de Sober.

 

Neste luns 21 de outubro veñen de comezar os traballos de prospección para localizar unha vila romana nas nas inmediacións da igrexa de Proendos (Sober). “A empresa encargada da prospección, Estela Arqueoloxía e Patrimonio, dedicará o día de hoxe a probar dúas técnicas para elixir a que mellor se adapta aos traballos. Dun lado, probarán o xeorradar e tamén un gradiómetro para decidir cal das dúas técnicas mide mellor o substrato sobre o que farán a intervención”, tal e como se informa dende o Concello de Sober, promotor desta actuación.

A través do xeorrador e do gradiómeto, que emiten pulsos e fan comparativas co terreo, pode obterse información sobre o que hai no subsolo, foxas ou restos, no que se coñece como a fase de prospección. É un traballo previo á escavación arqueolóxica, que se levaría a cabo nunha segunda fase.

As prospeccións levaranse a cabo nunha área dunhas cinco hectáreas partindo da contorna da igrexa parroquial de Santa María, de orixe románico. Suponse que nesta zona pode estar concentrada a maior parte dos restos da antiga poboación. Os traballos, que se prolongarán durante toda a semana, vanlles permitir saber por onde van os muros e os restos que quedaron baixo a terra para poder cartografialos e facer mapas de localización.

 

A zona das prospeccións está moi próxima á igrexa parroquial de Proendos (Sober).

 

Posibilidade de atopar unha vila romana

Trátase dunha zona de especial valor arqueolóxico na que xa foi documentado un xacemento e unha tumba do alto medievo. Fran Alonso, director da prospección, explica que o que esperan atopar é “unha vila romana” pola abundancia de material romano que xa ten sido documentado na zona.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca a importancia de poder recuperar este patrimonio oculto rastrexando gran parte da cabeceira da parroquia para detectar a presenza de antigas construcións no subsolo. “Sería unha maneira de ter máis información sobre o noso Concello e un novo reclamo para visitalo”, precisa.

 

Artigos relacionados

Back to top button