SanidadeÚltima hora

Na vindeira semana comezarán a traballar en Galicia 180 rastreadores do Ministerio de Defensa

Realizarán o control e o seguimento daquelas persoas que poden estar infectadas por COVID-19

O delegado do Goberno na súa visita á base da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica en Figueirido (Vilaboa, Pontevedra)./ Foto cedida.

 

Un total de 180 rastreadores do Ministerio de Defensa comezarán a traballar na próxima semana en Galicia. Anunciábao esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, durante a supervisión da posta en marcha da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica acompañado pola subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba.

O Ministerio de Defensa formou a 2.000 persoas para labores de rastrexo de contactos de COVID-19, que están ao dispor das comunidades autónomas. Tras a petición da Xunta, foron asignadas 180 a Galicia: 110 pertencen ao Exército de Terra (100 da Brilat e 10 da Forza Loxística Operativa) e 70 son da Armada (60 do Arsenal de Infantería de Mariña de Ferrol e 10 da Escola Naval Militar de Marín).

Traballarán de maneira coordinada co Sergas, mentres a Xunta o demande, na base da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica, en Figueirido, con actividade en horario de 9 a 22 horas de luns a domingo. O obxectivo é centrarse en colectivos específicos, grandes empresas e brotes virulentos.

Javier Losada detallou que a función destes 180 rastreadores é detectar e notificar casos sospeitosos. Realizan o control e o seguimento daquelas persoas que poden estar infectadas por COVID-19. Fano cos contactos estreitos das persoas positivas e seguindo, en todo caso, a normativa sanitaria que marca a Xunta.

O delegado do Goberno en Galicia lembrou o traballo das Forzas Armadas na Comunidade desde o inicio da pandemia. Con máis de 400 desinfeccións de infraestruturas críticas e residencias de maiores, ademais doutras tarefas de prevención, agora o seu labor pasa a estar centrada no rastrexo.

Artigos relacionados

Back to top button