EconomíaEconomíaEn portadaFolgoso de CaurelQuirogaRibas de SilÚltima hora

Nace a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel

Ponse en marcha cunhas 75 empresas e aposta por impulsar os diferentes sectores económicos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel

Reunión da asociación no Concello de Ribas de Sil./ Foto: Carlos Julio González.

 

Un tempo de crise pode ser tamén un momento de oportunidades. E así o veñen de demostrar os empresarios e comerciantes da comarca de Quiroga. Coa declaración en marzo do estado de alarma, e ante a imposibilidade de abrir moitos establecementos, uníronse para apostar polo comercio electrónico creando a plataforma Quiroga Comercio Online. Comezaron sendo negocios só de Quiroga, pero pronto se sumaron outros dos veciños concellos de Ribas de Sil e Folgoso do Courel.

Co inicio da desescalada e a flexibilización das limitacións do estado de alarma, volveron reabrir os comercios, pero a semente desta iniciativa prendeu e seguiu medrando, tanto en proxectos como en empresarios, ata converterse na recén creada Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, cuns 75 membros.

Despois dunha serie de xuntanzas virtuais semanas atrás, a iniciativa ía collendo forma e remataba por concretarse en tres reunións, xa presenciais, que tiñan lugar nos últimos días en Ribas de Sil, Folgoso de Courel e en Quiroga. Era nesta última vila onde se constituía de maneira formal a asociación na tarde de onte, venres 12 de xuño.

 

A directiva da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoaparque Montañas do Courel, na reunión constituínte en Quiroga./ Foto: Carlos Julio González.

 

Á súa fronte está unha directiva de sete persoas (de diferentes sectores), encabezada polo presidente, Miguel Ángel Garrido. Esta nova asociación toma o seu nome do Xeoparque Montañas do Courel e reúne a empresarios dos tres concellos agrupados no mesmo: Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel.

“Estamos sorprendidos do éxito e da acollida deste proxecto, non esperabamos que a xente nos apoiara desta maneira. Cando empezaos non eramos conscientes da necesidade que tiñan os comerciantes e empresarios de asociarse, de tirar para adiante e de montar algo para impulsar a zona. Xente nova, pero tamén xente maior con moita ilusión, algo que agradecemos. E esta é a forma na que saimos. Ademais queremos aproveitar o tirón do Xeoparque, que é o que nos une aos empresarios dos tres concellos”, destaca Miguel Ángel Garrido.

 

Outro dos momentos da xuntanza na Casa da Cultura de Quiroga./ Foto: Carlos Julio González.

 

A asociación está a aberta á incorporación de novos socios e posúe un carácter multisectorial. “Agrupa pequeno comercio, industria e hostalaría, cremos que todo vai da man, se ao comercio e a hostalaría lle vai ben, tamén lle irá ben á industria. Todo aquel que teña unha licenza de actividade ten cabida na asociación, o noso obxectivo vai ser loitar pola zona, polo comercio, polo turismo e intentar saír para adiante”, destaca Garrido.

Esta nova entidade, que comezará xa a funcionar como tal na vindeira semana, conta co respaldo do Xeoparque Montañas do Courel e tamén dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso de Courel. Teñen moitas e moi diferentes ideas para poñer en marcha tanto a curto como a medio prazo, pero parten de cero e queren ir pasiño a pasiño, “sementando para que pouco a pouco isto vaia funcionando e camiñando, motivando á xente para que isto vaia para adiante”, conclúe Garrido.

 

Logotipo desta nova asociación.

Artigos relacionados

Back to top button