En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Nace a “Devesa dos Nenos” en Castro Caldelas

Os nenos do CPI Virxen dos Remedios e da Escola Infantil A Galiña Azul participaban na plantación dunhas 60 árbores

Con motivo da celebración do Día da Árbore na mañá do 16 de marzo tiña lugar en Castro Caldelas unha plantación dunhas 60 árbores de diferentes especies coa participación de alumnos do CPI Virxen dos Remedios e da Escola Infantil A Galiña Azul deste municipio. A plantación tiña lugar ao carón do Parque da Estrela, entorno no que ademais, a continuación, se procedía a inaugurar a chamada “Devesa dos Nenos”, dedicada aos 112 cativos dos centros mencionados.

No acto participaban a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e representantes do Distrito XIII, entre outras autoridades.

O obxectivo desta actividade é promover a concienciación social sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal en Galicia nos escolares porque “as novas xeracións teñen que ser conscientes do inmenso valor que ten o monte e da importancia de apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais”, aseguraba Díaz Mouteira. Ademais apuntaba que “o monte, ademais de riqueza patrimonial e cultural, tamén representa unha actividade empresarial que pode xerar postos de traballo e contribuír a á fixación da poboación no medio rural” .

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense ten previstas máis actividades deste tipo en varios concellos da provincia, entre os que figura A Rúa, organizadas por parte dos responsables do Servizo de Montes e as brigadas dos cinco distritos forestais existentes na provincia ourensá.

Artigos relacionados

Back to top button