CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Nace en Valdeorras “Namórate da túa vida”, un programa para promover o crecemento persoal no rural

Aberto o prazo de inscrición para o primeiro programa virtual en galego de educación emocional

 

En 2016 da man de Elvira (nai) e Laura Fernández (filla) nacía en Valdeorras InCrescendo Colectivo, un proxecto piloto co único desexo de “promover a educación emocional nas zonas rurais”. Catro ano despois, con moita máis experiencia e unha pandemia que pon a proba a nosa resiliencia, “rexorde coma un soño imprescindible, un soño polo que paga a pena loitar. Quen non precisa, a día de hoxe, reconectar coa súa forza interior? Atopar os recursos físicos e emocionais dentro de nós para superar os novos desafíos?”, explica Laura Fernández.

Así, co gallo do Día da Muller Rural, e fiel ao seu espíritu todo terreo, InCrescendo Colectivo dá o salto ao mundo virtual para brindar un “espazo de crecemento e aprendizaxe” a todas aquelas persoas que desexen coñecerse mellor e sentirse fortes física e mentalmente ante calquera situación. “Iso é precisamente o que levan experimentado as mulleres que xa participaron nas últimas semanas no programa en formato presencial”, conta Laura. Mulleres agobiadas pola situación actual, condicionadas polo medo ao fracaso, a opinión dos demais ou as obrigas cotiás que lles impiden dispoñer de tempo para si mesmas… cun denominador común: unha sensación de bloqueo á hora de tomar decisións que lles faciliten á adaptación aos cambios tanto na súa vida persoal coma profesional.

O programa “Namórate da túa vida” componse de tres obradoiros virtuais gratuítos que se celebrarán cunha periodicidade mensual entre outubro e decembro deste ano e nos que as participantes, a través de exercicios prácticos, aprenderán a recoñecer as súas emocións, reconectar co seu corpo e tomar decisións para mellorar a súa saúde, a relación coa súa familia e o seu rendemento laboral, por citar só algúns exemplos.  Cada obradoiro, impartido por Laura Fernández (coach e soñadora nata), abordará unha temática concreta: 1. Resiliencia_outubro, 2. Conexión_novembro e 3. Creatividade_decembro.

 

Laura Fernández (coach e soñadora nata) impartirá o curso./ Foto: Alberto Santamaría López.

 

“O resultado será superar a sensación de medo, inseguridade, victimismo ou frustración, á que a miúdo están acostumadas, e pasar a un estado de confianza e tranquilidade no que se senten seguras de si mesmas, logo de aprender a conectar coa súa forza interior. Ademais, dende o punto de vista físico, as vantaxes deste proceso tamén son notables, pois permitiranlles recuperar a súa vitalidade e fortalecer o seu sistema inmunitario grazas, entre outras cousas, á reducción do seu nivel de cortisol derivado dunha exposición prolongada ao estrés”, explica Laura.

As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina http://increscendo.gal a partir de mañá venres 16 de outubro ás 10h. e ata o luns 19 ás 20h. e as 100 prazas ofertadas distribuíranse da seguinte maneira: mulleres rurais (30), estudantes universitarias (30), público xeral (30), persoas xordas con intérprete LSE (10).  Os obradoiros, de 1,5h de duración, contarán cun máximo de 15 participantes por sesión e, no momento da inscrición en liña, ofrecerase a posibilidade de escoller entre horario de mañá (12h.) ou de tarde (20h.), segundo o calendario proposto.

Artigos relacionados

Back to top button
Close