En portadaGalerías de fotos

Nace TuTrives, unha aposta polo ecoturismo cooperativo

Esta nova cooperativa, que integra a diversos sectores, presentábase na Mata o 17 de abril

As instalacións da Adega Ladeira da Mata en Langullo (Manzaneda) acollían na tarde do 17 de abril a presentación dun novo proxecto cooperativo que se pon en marcha no oriente ourensán: TuTrives. Esta iniciativa, que reúne a empresarios da Terra de Trives, aposta polo “ecoturismo cooperativo” e integra a nove empresas dos sectores da hostalaría e da elaboración de produtos gastronómicos de calidade.

“É difícil poñer unha cooperativa en marcha e máis neste caso, xa que falamos de xente de sectores diferentes. Sen embargo, os nove temos unha visión conxunta e creámola para potenciar o oriente ourensán, valorizar os nosos produtos e xerar actividade turística de calidade”, sinalaba no acto a presidenta da nova entidade, Ascensión Fernández.

A presentación contaba, ademais de coa presenza dos integrantes da cooperativa, coa de numerosos empresarios de hostalaría do oriente ourensán, así como de representantes de cooperativas de castañas e gandeiras. Tamén asistían os alcaldes de Manzaneda e Trives, David Rodríguez e Francisco José Fernández, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

O acto concluía cunha degustación de diversos produtos elaborados polas empresas asociadas a TuTrives: embutidos, viños, queixo e bicas.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button