CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Nace Xpazo, un proxecto social e cultural alternativo en Xinzo de Limia

Este centro de creación, que aposta pola formación, a cooperación, a cultura e o desenvolvemento profesional; poñíase en marcha o pasado decembro nesta vila

Cooperación social, pluridisciplinariedade e respecto. Son os principios básicos sobre os que sustenta o proxecto de Xpazo, un centro de creación que nacía a finais do decembro en Xinzo de Limia e cuxa sede está ubicada na rúa Curros Enríquez, nº 26. Abre as súas portas como un centro especializado en deseño, un espazo cultural e un coworking aberto a calquera persoa “que teña a ben traballar e compartir connosco os seus coñecementos”, explican os seus promotores.

Deste xeito, Xpazo está equipado con varios postos de traballo compartido como coworking (un total de quince mesas) para que calquera interesado poida pode encontrar un lugar propio no que desenvolver a súa actividade e no que se “pretende renovar as relacións profesionais na busca dun novo xeito de cooperación entre diferentes eidos de traballo onde a colaboración e o apoio son factores culminantes neste novo proxecto”.

Con esta iniciativa, que ten un carácter privado, tamén se aposta por xerar unha axenda cultural que “dinamice a vila de Xinzo de Limia e toda a súa contorna, con actividades que camiñarán da man da expresión artística, pasando por outras moitas iniciativas como cursos de formación, charlas, concertos, etc.”. E tamén nace para promover a “construción e a posta en práctica de proxectos alternativos dende un enfoque emancipador”. Neste senso, este local inaugurábase cunha exposición da ilustradora e artista plástica Mariana Groesman-Wagmaister.

 

Obras da exposición de Mariana Groesman-Wagmaister, en Xpazo./ Foto cedida.

 

Segundo os seus promotores, Xpazo ten como bases a “cultura, como unha porta a todo o mundo, con potencial para aproximar as persoas baixo unha constante de respecto e tolerancia total e sinceira; o traballo, como un axente unificador, como unha vía de conexión social onde a colaboración e o intercambio son factores culminantes dentro dunha nova idiosincrasia social e profesional; e a formación, baixo a busca dunha constante renovación de coñecementos, acompasados ao tempo presente, baixo unha demanda de contidos de calidade, coidados e xestionados con claridade e esmero”, explican.

Fotos cedidas polos socios de Xpazo.

 

Imaxe da sede de Xpazo en Xinzo de Limia./ Foto cedida.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button