ConcellosO BarcoÚltima hora

Nas Festas do Cristo 2021 do Barco non haberá orquestras

Neste verán celebrarase unha nova edición do ciclo "Terrasón" na vila barquense

A orquestra Olympus no Barco antes da pandemia. /Foto: A.R.

 

Continuar coa programación cultural do ano pasado e descartar as orquestras. É a decisión que tomaban no Concello do Barco en relación á elaboración do programa das Festas do Cristo 2021 e que adianta a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, explicando que para tomar a decisión esperaron ás probas piloto que se fixeron hai quince días pero “nós temos un recinto moi pequeno e caberían moi poucas persoas, ademais de conlevar uns gastos adicionais. Cremos que o que toca é un ano máis ser comedidos e non arriscarse”.

A concelleira tamén adianta que queda pendente a decisión sobre os fogos artificiais. “É outro dos eventos que pode traer aglomeración de xente e agora, coa non obrigatoriedade de levar mascarilla no exterior, podería traer complicacións polo que imos esperar a principios de setembro para ver como están as cousas. Se as circunstancias o permiten faranse pero se non teremos que deixalos”.

Con respecto ao resto de actividades, Pizcueta avanza que intentarán elaborar un programa o máis variado posible incluíndo o ciclo “Terrasón”, un evento que o ano pasado dinamizou a tempada estival e un complemento a esas festas que non se celebraron. “Temos eventos máis pequenos durante máis tempo en lugar de congregalos nunha época concreta”, conclúe a concelleira.

 

Artigos relacionados

Back to top button