En portadaÚltima hora

Nas residencias de maiores da provincia faranse unhas 1.700 probas de COVID-19 nesta fin de semana

Ourense é a provincia cunha maior porcentaxe e número de usuarios destes establecementos o que pode incrementar a incidencia da pandemia, segundo Sanidade

Persoal sanitario tras tomar unha mostra para analizar./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras estase a realizar unha recollida de mostras, para a realización da proba diagnóstica de COVID-19 (PCR) a todo os usuarios e traballadores do conxunto de residencias socio-sanitarias, públicas e privadas, existentes na provincia. Son máis dun cento.

“En Ourense, para completar esta misión, no menor tempo posible, tan só esta fin de semana realizaranse preto de 1.700 probas diagnósticas, 492 hoxe sábado; 643 mañá domingo e 553 o luns, que se suman as mais de 3.000 realizadas xa nestes establecementos ata hoxe mesmo”, segundo a Consellería de Sanidade.

Ata o momento xa se realizaron test masivos nas residencias de Aixiña, Alvetus, Galisenior, Domus Vi Pereiro, Natividad de Santa María, Divino Maestro, Santa Marta, Fátima, Ramirás, Santa Cruz, Los Olivos, Nuestra Señora del Socorro, Santa María, Os Miragres, Domus Vi Barbadás, Nuestra Señora de la Esperanza, Os Gozos e San José.

“Para poder asumir este altísimo volume de probas diagnósticas, nun colectivo tan amplo, sen deixar de facer as precisas no conxunto da cidadanía, especialmente de persoal sanitario e pacientes ingresados, desde hai días as mostras de residencias estanse a remitir ao Laboratorio de Microbioloxía do Hospital Alvaro Cunqueiro, que foi seleccionado como referente autonómica polo Ministerio de Sanidade, e está a recibir os materiais precisos para asumir a realización das do resto da Comunidade”, asegura Sanidade.

Que son as probas de PCR

A PCR, siglas en inglés de ‘Reacción en Cadea da Polimerasa’, é unha proba de diagnóstico que permite detectar un fragmento do material xenético dun patóxeno ou microorganismo, como neste caso o virus SARS- CoV-2 que produce a enfermidade COVID-19.

A PCR, é de uso común nos laboratorios de Microbioloxía de hospitais, baséase nas características de estabilidade á calor dunha encima polimerasa. Mediante esta técnica localízase e amplificase un fragmento de material xenético, que no caso do coronavirus é unha molécula de ARN. Así, se tras a análise dunha mostra respiratoria dunha persoa sospeitosa de estar infectada, a proba detecta ARN do virus, o resultado é positivo e confírmase que está infectada polo SARS- CoV-2.

Tutela do Sergas ás residencias

Os brotes de contaxios nas residencias “son precisamente un dos puntos críticos na nosa provincia”, recoñece Sanidade, “ao carecer moitos destes centros de persoal sanitario e/ou facultativo propio. E nesta labor de tutela a Dirección Asistencial Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, coa colaboración da Dirección de Enfermería e Atención Primaria, dotaron de persoal sanitario e equipamento a Residencia Integrada de Os Miragres (Baños de Molgas), que ocupa as antigas instalacións do internado, para acoller e illar aos pacientes positivos de residencias que carecen de medios para facelo efectivamente”.

Ademais o persoal sanitario de Atención Primaria “está a garantir a boa coordinación da atención aos residentes e usuarios dos centros sociosanitarios e da terceira idade, en coordinación directa coas Unidades de Hospitalización a Domicilio, e o Equipo de Seguimento Compartido Hospitalario (ESCAH) da Área Sanitaria, colaborando ademais co persoal médico ou responsables asistenciais do centros, daqueles que o teñen”, segundo Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button